As inscricións poderán realizarse chamando ou mediante mensaxe de WhatsApp ao número de teléfono 663 39 62 26 ata mañá martes ás 16:30 horas. Tamén poderán facerse as anotacións na propia mesa de dorsais instalada na entrada do Cine Teatro de Ribadeo dende as 15:30 ata as 16:30 horas. No caso das charangas e comparsas as inscricións rematan hoxe, ás 23:59 horas, debido á bonificación de 100 euros que recibirán as dez primeiras que se apunten.
A Comisión de Carnaval anima “a todos a participar neste desfile que pretendemos que resulte espectacular para o que necesitamos o esencial, que son os participantes. Por isto facemos un chamamento a que se inscriban pequenos e adultos, carrozas, parellas e grupos”. A comisión convida ademais a todos aqueles que, ao longo da fin de semana, contribuíron a dar colorido cos seus disfraces noutros lugares da contorna, a que se despracen mañá a Ribadeo para participar neste desfile de Entroido. E tamén pide que “a xente da nosa vila e doutros puntos da Mariña que se bote ás rúas en Ribadeo para disfrutar deste Martes de Entroido, que é festivo en moitas localidades da comarca, vendo o desfile que inundará de color e de son as rúas ribadenses”.
A Comisión de Carnaval de Ribadeo repartirá preto de 4.500 euros en premios no Desfile de Entroido.
Para comparsas/charangas establécense 5 premios de 500, 400, 300, 200 e 100 euros respectivamente. Para carrozas os premios serán de 400, 200 e 100 euros; para grupos 300, 200 e 100 euros; para parellas de adultos os premios serán de 200, 150 e 100 euros; no caso da modalidade individual os premios serán de 150, 100 e 50 euros.
No caso dos máis pequenos e pequenas os premios para grupos serán de 200, 100 e 50 euros; as parellas recibirán 150, 100 e 50 euros en premios e para a modalidade individual establécense premios de 100, 75 e 50 euros.
O programa de actividades do Entroido ribadense rematará o vindeiro sábado, 9 de marzo, coa queima do Entroido. Trátase dun dos actos máis destacados do Carnaval de Ribadeo. Ás 21:00 horas sairá a comitiva fúnebre, acompañada de viúvas e viúvos e das charangas Aturuxo, Os Macanudos e Habelas Hainas, das inmediacións do Concello e trasladarase ata a Avenida Rosalía de Castro onde terá lugar a queima do Entroido, seguida dunha sesión de fogos artificiais e da monumental traca.