Site icon Crónica3.com A Mariña

Alumnado e equipo docente do obradoiro de emprego DOC-TIC II de Ribadeo visitaron a capela das Virturdes na ponte de Arante

Ribadeo, 16 de marzo de 2019. Este pasado xoves os alumnos e o persoal docente e directivo do obradoiro de emprego DOC-TIC II do Concello de Ribadeo visitaron a capela das Virtudes na Ponte de Arante, actividade promovida polos alumnos e alumnas do obradoiro dual de emprego Ribadeo co Camiño, promovido polo Concello de Ribadeo e cofinanciado pola Xunta de Galicia, o Servizo Público de Emprego Estatal e o propio Concello.
Os participantes da especialidade Dinamización, Programación e Desenvolvemento de Accións Culturais realizaron unha breve visita explicativa da contorna e do Santuario de Nosa Señora das Virtudes, que conta con varias pinturas murais medievais e góticas e un ex voto mariñeiro de 1606, un dos máis representativos de Galicia, facendo do Santuario un enclave de gran riqueza patrimonial e artística. Así mesmo realizouse unha explicación representativa da Festa das Cruces que se celebra anualmente o Luns de Pentecoste, declarada de Interese Turístico Galego.
Estas visitas inscríbense dentro dunhas accións máis globais que se están a desenvolver por parte dos alumnos do obradoiro de emprego Ribadeo co Camiño, co obxectivo de poñer en valor e facilitar o acceso e coñecemento do patrimonio que atesoura Ribadeo, especialmente aquel ligado ao Camiño de Santiago ao seu paso polo concello. Nesta liña, creouse a figura de atención ao peregrino na que os participantes no obradoiro acollerán aos peregrinos e peregrinas en tres espazos diferentes (Oficina de Turismo, Albergue Municipal de Peregrinos e Santuario de Nosa Señora das Virtudes), ofrecéndolles información especializada e máis próxima a aqueles que se acheguen ata Ribadeo.

Exit mobile version