Lugo 6-3-19. ADEGA recurríu a sentenza do xulgado nº 2 do penal da Audiencia de Lugo que absolveu ao Alcalde de Barreiros, concelleiros do grupo de goberno e arquitecta municipal dos delictos de prevaricación urbanística dos que foron acusados polo ministerio fiscal e a acusación particular exercida por ADEGA.
Dende ADEGA entendemos que o xulgado non apreciou correctamente a proba de que as licenzas presuntamente ilegais foron concedidas para un solo que non reunía a cualificación urbanística precisa. Sobre este particular, o xulgado dirime unha cuestión técnica -a categoría do solo- dando máis valor aos informes dos peritos da parte interesada (dos acusados/as) elaborados anos despois da concesión das licenzas que aos técnicos da APLU (Axencia de Protección da Legalidade Urbanística), case inmediatos aos feitos e que ademais gozan da presunción de veracidade que se lles supón como funcionarios públicos.
Alén disto, e arredor da consideración do solo como consolidado ou non, o tribunal tampouco valora a insuficiencia dos subministros (abastecemento eléctrico, auga e sumidoiros) nen a entidade das obras complementares necesarias para adquisición da consideración de solar, sendo este precisamente o requisito esixido pola Lei para que as parcelas poidan ser edificábeis.
O tribunal non considera as contradicións da arquitecta municipal que mesmo chega a afirmar que as parcelas non tiñan a condición de solar, e dos peritos da parte interesada que mesmo relatan a realización de importantes obras de “acondicionamento” a posteriori da concesión das licenzas. Ambas declaracións confirman que nen as parcelas eran solares nen as obras de “acondicionamento” levadas a cabo con posterioridade eran menores, reforzando as teses das acusacións.
O xulgador obvia tamén que a mesma proposta de convenio de colaboración entre diversas institucións para dotar de servizos ás promocións denunciadas, é a “proba do nove” definitiva para demostrar a insuficiencia de servizos e, portanto, a non adecuación do solo ás licenzas concedidas: se se pretende dotar dos servizos básicos a determinados núcleos é porque non os tiñan, e se non os tiñan non podían terse dado licenzas para solares que non eran tais. Así o interpretou tamén o mesmo TSXG ao anular o Plano Sectorial que pretendía executar as obras de urbanización propostas no convenio e desbaldir 14 milóns de € de cartos públicos.
Tampouco ten en consideración o tribunal actuacións que trasncenden a mera ilegalidade administrativa para entrar no terreo do ilícito penal, como son a reiterada consideración das plantas baixo cuberta como ático así como as autorizacións das piscinas e zonas recreativas baixo a consideración de obras menores. No primeiro caso, e malia a recoñecer que non se cumpriría a lexislación vixente, outorgáronse as licenzas. E no segundo, non cabería a consideración de obras menores por canto requiren de grandes movementos de terra e esplanacións, e non consta que as piscinas foran prefabricadas.
Tendo en conta estas consideracións e outras de carácter xurídico que recolle o noso escrito de recurso, ADEGA solicita ao tribunal que declare a nulidade da sentenza nº 52/2019, por erro manifesto na apreciación da proba e por infracción do ordenamento xurídico, ditando outra resolución axustada a dereito.