Ribadeo, 30 de marzo de 2019. O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, mantivo un encontro con representantes do colectivo veciñal que cada ano organiza unha das citas máis senlleiras da localidade: a Romaxe das Cruces, recoñecida o pasado xoves polo Goberno autonómico como cita de interese turístico galego.
O delegado trasladou á súa felicitación ao colectivo organizador e ao conxunto da veciñanza das parroquias de Ribadeo e Trabada que cada ano se esforzan na organización desta romaría, e vaticinou que este recoñecemento dará un impulso importante ao turismo e ao coñecemento do enorme potencial histórico e patrimonial do barrio da Ponte-Arante.
Balseiro avanzou a disposición do Goberno galego por contribuír á difusión desta cita e explicou que, este mesmo ano, ademais de colaborar coa organización da festa con varias actuacións musicais e espectáculos de lecer, prevén reeditar –co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística- o libro Nosa Señora das Virtudes, do profesor Emilio Piñeiroa Lozano, una monfografía sobre A Ponte-Arante e na que tamén se explica a orixe e significado da Romaxe das Cruces.
Por outra banda, o delegado tamén explicou finalmente que a Xunta de Galicia traballa, de común acordo co bispado, nun proxecto de intervención que permita conservar e recuperar as extraordinarias pinturas murais da igrexa da localidade, santuario situado ao carón do Camiño Norte de Santiago, e na que se poden ver ilustracións que datan de época tardo-medieval.
A Romaría das Cruces
A Romaría das Cruces conmemora a vitoria dos veciños das parroquias de Ribadeo e Trabada ante o exército de Napoleón durante a Guerra da Independencia. Celébrase o luns de Pentecostés . Trátase dunha celebración na honra da Virxe das Virtudes que conta coa asistencia das sete cruces que lle dan o seu nome (Arante, Ove, Cedofeita, Cubelas, Vidal, Vilaboa e Sante).
Durante a procesión bendícense os campos, cántanse rogativas e conmemórase a vitoria sobre os franceses. O momento máis vistoso desta celebración é o ritual dos pendóns e das cruces cando os portadores se colocará uns fronte aos outros e comezan a arriar varias veces. Logo, realízase o bandeo do pendón, un ritual que require de gran destreza, forza e precisión para que, indo paralelo ao chan, non chegue a tocalo.