Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta licitou por 1,3 millóns de euros a obra de construción do segundo martelo que garante un maior abrigo e operatividade nas instalacións portuarias de Burela

Burela, 04 de marzo de 2019.- A Consellería do Mar, a través do ente público Portos de Galicia, licitou hoxe cun orzamento de 1.385.000 euros, a obra de construción do segundo martelo no porto de Burela, na zona da lonxa, infraestrutura que contribuirá a garantir un maior abrigo e facilitar a operatividade das embarcacións que fan uso destas instalacións.

Así o avanzou esta mañá o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, no transcurso dunha visita á zona, na que estivo acompañado de patrón maior de Burela, Basilio Otero, e de representantes de Armadores de Burela Sociedade Anónima (ABSA), entre outros.

O martelo ten como misión fundamental reducir a axitación do interior das dársenas, ademais de conseguir maior capacidade de atraque e servir de amortiguación á ondada que excede o dique de abrigo do porto. A iniciativa sirve tamén para completar unha primeira fase da mellora do abrigo, executada en 2010, que consistiu na construción dun primeiro martelo no peirao máis antigo.

“Temos que felicitarnos por este novo paso, co que desde a Xunta contribuímos a facer realidade unha nova infraestrutura moi demandada polo sector marítimo de Burela, con quen consensuamos a execución desta obra, na certeza de que contribuirá a incrementar a seguridade nas augas interiores deste porto, un dos máis importantes do Cantábrico”-explicou Balseiro.

Descrición das obras
Portos de Galicia xa elaborou o proxecto técnico desta obra, tras encargar previamente distintos estudos e simulacións da dinámica litoral que concluíron que a que se vai a executar é a mellor e máis efectiva das alternativas analizadas. A elaboración destes estudos supuxeron un investimento duns 30.000 euros.

A Xunta proxecta unha ampliación do actual muro de peirao en 8 metros, apoiado sobre a infraestrutura actual, e a construción dun espigón de 50 metros de lonxitude con peirao interior de 5 metros de calado e dique de defensa exterior en noiro con mantos de peso igual ou superior a 2.000 kg. O extremo da protección exterior realízase mediante colocación de dique en cuarto de tronco de cono.

A base de cimentación do muro execútase previa dragaxe do fondo ata conseguir a cota -6,00 metros. A plataforma pavimentarase con formigón bituminoso de 7 centímetros de espesor terminado e compactado previa rega de penetración de 5 kg de dotación sobre 20 centímetros de macádam.

Para a fabricación dos bloques de formigón de recheo da infraestrutura do peirao é necesario previamente elaborar os encofrados, que serán metálicos e conformados de forma ríxida. O guindastre que se prevé para o traslado deste material, de 500 toneladas, é o suficientemente potente para que en dous ou tres fases sexa capaz de colocalos todos.

As obras tamén inclúen a instalación dos elementos complementarios necesarios tales como defensas verticais, escaleiras metálicas de gato en aceiro inoxidable, bolardos de amarre, canalización de auga e enerxía, rede de iluminación con puntos de luz con tecnoloxía LED, varandas de contención en aceiro galvanizado, pintura reflexiva no cantil, dispositivos de ventilación no interior do peitoril e balizas de sinalización marítima.

Nave de redes
Balseiro tamén deu conta doutros proxectos de mellora impulsados pola Consellería do Mar en Burela. En concreto, explicou que Portos de Galicia vén de rematar o proxecto técnico da obra de remodelación da nave de redes, que está neste momento en supervisión, e que conta cun orzamento de 200.000 euros e sairá a contratación este mesmo ano.

“Nos últimos días temos avanzado obras portuarias por máis de 3,2 millóns de euros, se sumamos ás presentadas hoxe as que avanzamos días atrás, a contratación da demolición dos galpóns no peirao vello de Viveiro, e os dragados en Celeiro-Viveiro e de Ribadeo”- concluíu o delegado.

Exit mobile version