Viveiro, 3 de marzo de 2019.- A Xunta de Galicia investiu máis de 100.000 euros en distintas obras de emerxencia, reparacións e limpezas nas zonas afectadas polas inundacións que tiveron lugar o pasado mes de novembro en Viveiro. Cando están a piques de cumprirse catro meses daquela noite do 18 de novembro na que tivo lugar un episodio extraordinario de choiva torrencial o Goberno galego quixo facer balance dos traballos executados e das iniciativas que porá en marcha para minimizar futuros riscos.
“Dende o primeiro momento, desde a Xunta puxémonos a disposición do Concello con medios humanos e maquinaria. Os servizos de emerxencia auxiliaron aos afectados, a brigada de Augas de Galicia traballou inmediatamente na zona, e persoal de mantemento da Axencia Galega de Infraestruturas estivo realizando labores de recuperación e limpeza das estradas autonómica e outros puntos da cidade”- resumiu José Manuel Balseiro, delegado da Xunta en Lugo.
Axencia Galega de Infraestruturas
Balseiro explica que a Axencia Galega de Infraestruturas traballou de inmediato na retirada de escombros, retirada de lodos, limpeza con auga a presión e, unha vez recuperada a capacidade de tránsito das estradas, centrouse na limpeza de 2.500 metros de conducións e máis de 500 sumidoiros e pozos de rexistro e no traslado dos residuos da limpeza a plantas autorizadas para o seu tratamento.
“Comezamos polas estradas de titularidade autonómica porque era a nosa obriga, pero os traballos estendéronse a outros puntos, estradas e paseos, conscientes de que as operacións de limpeza debían afrontarse dun xeito moito máis amplo, para que foran máis efectivas”-explicou
Augas de Galicia
Pola súa banda Augas de Galicia procedeu á retirada de troncos, ramas, material de arrastre e limpeza de marxes dos rios; tamén no dragado do material que colmaba a sección do leito coa retirada de fragmentos procedentes de muros, paredes, pontes e varandas.
As tarefas realizadas centráronse nos ríos Xunqueira-Cova e Trasposta, dragado de material que obstruía completamente os caños dun paso de acceso a vivenda, provocando o desbordamento da auga por riba de este (río Trasposta), dragado de material no barrio de A Xunqueira e colmataba a sección do cauce (ríos Xunqueira e Cova), retirada de fragmentos pesados de muros e paredes, tramos continuos e/ou illados de varandas metálicas, lousa de formigón e bionda metálica por obstrución do leito do río Xunqueira.
“As actuacións no rio Trasposta executáronse o longo de máis de 600 metros de lonxitude. E as actuacións no rio Xunqueira se sucederon o longo de máis de 3.000 metros”-informou Balseiro.
Actuacións pendentes
Finalizada esta primeira fase Augas de Galicia tamén actuou en auxilio das competencias municipais. En particular no dragado de material do leito no treito urbano do barrio da Xunqueira e na retirada de fragmentos de maior volume e natureza diversa, procedentes de muros, paredes, pontes, que obstruían parcialmente puntos do río Xunqueira.
Neste momento hai actuacións pendentes en espazos de competencia municipal, xa comunicadas ao Concello o pasado 15 de xaneiro e que poden resumirse na necesidade de actuar sobre tres pontóns e reconstruír distintas obras de paso danadas e que presentan déficit de capacidade e en varias pistas e estradas municipais de titularidade local que precisan de arranxo.
Estudo de modelización hidráulica
O delegado territorial tamén avanzou que, en cumprimento do compromiso adquirido por Augas de Galicia, xa está practicamente finalizado o estudo técnico que serviu para a modelización hidráulica do municipio. Unha análise que servirá para estudar a efectividade de diferentes alternativas de actuación que minimicen futuros desbordamentos e os seus riscos, e tamén para reconstruír as zonas de dominio público en función diso.
“Nos próximos días remitiremos ao Concello o resultado deste informe, que define o tipo de obras a executar e a nosa proposta para cofinancialas. Informe que axudará a definir a reconstrución e modificación das zonas mais vulnerables”
Balseiro lembra as especiais características da cunca hidráulica de Viveiro, na que se inclúen varios espazos inundables, con moita pendente, con vivendas emprazadas no dominio público hidráulico e múltiples estreitamentos, espazos todos eles especialmente sensibles en caso de chuvias torrenciais como as acontecidas naquela noite do mes de novembro.
“Somos a administración que maior esforzo económico e técnico ten realizado na zona, pero o noso traballo non remata aquí e, en cooperación co Concello e outras administracións que queiran sumarse, seguiremos estudando o xeito de previr este tipo de inundacións e, o que aínda é máis importante, evitar os danos persoais e materiais que provocan- concluíu.
Balseiro dixo que non se podería facer balance do acontecido aquel 18 de novembro sen lembrar tamén o tráxico falecemento dunha veciña da Xunqueira e tamén quixo poñer en valor de todo o traballo realizado polos operarios que estiveron colaborando nas tarefas de emerxencia, limpeza e reconstrución.