Burela, 3 de marzo de 2019.- A Xunta de Galicia investiu 16 millóns de euros no último ano na mellora dos servizos públicos e impulso de novas obras en Burela, un esforzo económico co que o Goberno galego multiplica por dous o orzamento municipal (que foi de sete millóns de euros).
Así o explicou o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro quen, a modo de balance, indicou que as partidas máis relevantes estiveron destinadas á primeira fase xa rematada da ampliación do Hospital da Costa, que implicou 10 millóns de euros de investimento. Neste momento está en marcha a segunda fase, correspondente á remodelación integral do edificio máis antigo.
A Xunta tamén destinou a Burela 313.000 euros a través do Fondo de Cooperación Local unha achega que o Concello pode empregar libremente para financiar aquelas obras e servizos que estime máis acaídos.
Outra das partidas máis relevantes ten que ver co sostemento dos servizos sociais municipais xa que logo a Xunta achegou no conxunto do ano 271.000 euros para financiar o persoal de atención de axuda no fogar para persoas dependentes, preto de 81.000 euros ao funcionamento do Centro de Información á Muller e 51.000 euros a distintos programas de inclusión social e apoio á poboación emigrante.
Outro dos ámbitos no que maior esforzo inversor concentraron é o do emprego, xa que logo a Xunta apoio a posta en marcha, unha anualidade máis, dun obradoiro de emprego compartido cos concellos de Xove e Burela (288.000 euros en conxunto), financiou seis cursos para desempregados (con 242.000 euros de investimento) e distintas achegas para apoiar a contratación de diverso persoal (socorristas: 22.000 euros, 10 operarios perceptores da Risga: 84.000 euros, orientador laboral: 25.000 euros … etc)
A Xunta tamén investiu 85.500 euros en distintas obras de mellora nos centros educativos da localidade, preto de 12.000 euros á apoiar a programación da rede de teatros e auditorios e 7.300 á mellora do equipamento de son das infraestruturas culturais do municipio.
O Goberno galego tamén apoio proxectos no ámbito do turismo como a creación da ruta circular (6.200 euros) ou a promoción da Festa do Bonito (3.000 euros) declarada de interese turístico galego.
Outras achegas foron dirixidas á mellora das infraestruturas: destináronse máis de 40.000 euros a obras de asfaltado de camiños e estradas rurais (acceso as praias, camiño en Vila do Medio, pistas forestais, …). Tamén hai achegas para a mellora das infraestruturas pesqueiras e portuarias con máis de 100.000 euros destinados a reparacións varias, mellora dos servizos aos usuarios nas cámaras frigoríficas ou con 11.200 euros apoiouse á fundación Expomar.
A Xunta investiu tamén no ámbito deportivo co patrocinio ao CD Burela Futbol Sala (66.000 euros) nas súas categorías feminina e masculina, dotou ao municipio dun desfibrilador e achegou preto de 2.000 euros o funcionamento da asociación de voluntarios de protección civil.