Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta forma ao persoal dos GES no manexo da moto acuática de rescate

Santiago de Compostela, 3 de marzo de 2019.- A Xunta, a través da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA), está a impulsar a capacitación dos membros do GES para o manexo de motos acuáticas de rescate en zonas costeiras de pouco calado, pero con ondas e rompentes. Esta iniciativa desenvolveuse trala recente sinatura do convenio para a cesión de seis motos acuáticas a outros tantos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES) co fin de incrementar a súa capacidade de resposta ante emerxencias en lugares de costa con esas características.

Por iso, á xornada formativa, que se realizou nas instalacións da Federación Galega de Motonáutica e no Porto de Bouzas, asistiron os integrantes do GES de Valmiñor, Muros, Sanxenxo, Cervo, Ortigueira e Ponteceso, que recibiron, primeiramente, unha preparación teórica para o exame do Título de Patrón de Motonáutica e, a continuación, unha formación básica de mantemento e seguridade. Finalmente, remataron a xornada cunhas prácticas de manexo para acadar maior firmeza e seguridade no manexo destas motos.

O xerente da AXEGA, Marcos Araújo, destacou a importancia desta xornada formativa por canto supón aumentar a capacidade de resposta do GES ante as situacións de perigo que se poidan dar en zonas de costa con características específicas e mesmo a colaboración que estes organismos poden prestar en outras zonas onde sexa necesario.

Exit mobile version