Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta entrega unha vivenda de promoción pública no Concello de Cervo e adxudica catro en Viveiro e Burela

Cervo, 28 de marzo de 2019.- A Xunta de Galicia entregou hoxe unha vivenda de promoción pública no concello de Cervo e realizou os sorteos polos cales se asignan entre os adxudicatarios dous pisos en Viveiro e outros tantos en Burela.

O delegado territorial da Administración autonómica en Lugo, José Manuel Balseiro, participou nos actos e explicou que en todos os casos se trata de adxudicacións en réxime de alugueiro. En Cervo, entregáronse as chaves dun domicilio situado na rúa Vía Láctea, cunha superficie de 85 metros cadrados e tres dormitorios.

En Viveiro tivo lugar o sorteo de adxudicación de dúas vivendas emprazadas na rúa Rosalía de Castro do casco histórico. Un deles ten 57 metros cadrados e dous dormitorios e o outro 37 metros cadrados e un dormitorio.

No caso de Burela, os inmobles adxudicados localízanse nas rúas Valle Inclán e Luis Seoane. Ambos teñen tres dormitorios e 83 metros cadrados.

Balseiro lembrou que o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) ten aberto durante todo o ano o prazo para inscribirse no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da comunidade autónoma, a partir do cal se realizan os sorteos polos que se elaboran os listados de adxudicatarios de vivendas de promoción pública nos distintos municipios.

Todas aquelas persoas interesadas en formalizar a súa inscrición no Rexistro poden facelo presencialmente ou ben a través da sede electrónica da Xunta. A vixencia da inscrición é de tres anos.

Exit mobile version