Lugo, 04 de marzo de 2019.- A Xunta concedeu no último ano axudas que suman 60.000 euros para a adquisición de taxis adaptados a persoas con mobilidade reducida (Eurotaxi) na provincia de Lugo.
Así o explicou o delegado territorial, José Manuel Balseiro, quen precisou que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade impulsa este programa de apoios para fomentar a implantación progresiva de vehículos accesibles na prestación do servizo de taxi.
En Lugo houbo seis beneficiarios na convocatoria do 2018, dous en Baleira e un en cada un dos seguintes concellos: Monforte de Lemos, Antas de Ulla, Cospeito e Viveiro. As axudas por vehículo son de 10.000 euros, e están dirixidas a subvencionar os vehículos novos que se adquiriron entre o 1 de xullo de 2017 e o 30 de novembro do 2018.
Balseiro lembrou que a Xunta promove esta liña de axudas dende o ano 2016, contribuíndo dese xeito a mellorar a competitividade no sector do taxi e sobre todo “como medida para avanzar na implantación nun sistema de transporte público cada vez máis accesible, deseñado para que todas as persoas poidan beneficiarse del”.
Segundo engadiu o delegado, “dispoñer dunha oferta adaptada de transporte público é unha das medidas máis eficaces para garantir a autonomía das persoas con mobilidade reducida, contribuíndo a eliminar algunhas das dificultades coas que poden atoparse no seu día a día”.
Destas achegas beneficiáronse persoas físicas titulares de autorizacións administrativas de transporte vixentes, documentadas en tarxetas da serie VT-N, expedidas pola Dirección Xeral de Mobilidade. Antes do 1 de xullo de 2019 os beneficiario deberán realizar a adscrición do vehículo á autorización de taxi e comezar a prestar o servizo co mesmo.
Por outra banda, a Consellería abriu unha nova convocatoria de axudas para a adquisición de vehículos taxis adaptados para o exercicio do 2019. O prazo de presentación está aberto dende o 2 de xaneiro ata o 13 de outubro, ou ata esgotar o crédito dispoñible.