Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta achegará 175.000 euros para acondicionar o antigo colexio de Celeiro e emprazar alí a Escola Oficial de Idiomas

Viveiro, 02 de febreiro de 2019.- A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional achegará 175.188 para financiar a obra de acondicionamento do antigo colexio de Celeiro de tal xeito que estas renovadas instalacións permitan reubicar a Escola Oficial de Idiomas.

A iniciativa xurde despois dun triplo acordo entre a Xunta de Galicia, o Concello de Viveiro e a Deputación de Lugo que, nun exemplo de colaboración institucional, achegarán a partes iguais os 525.000 euros nos que está estimado o custe total desta remodelación.

Concesión vixente ata 2075
Unha vez reformado o antigo colexio de Celeiro, a Xunta comprométese a trasladar alí escola de idiomas o deixar libre os locais que ocupa na actualidade este centro, na rúa Lavandeiras, e que a administración autonómica tiña en concesión de uso ata o ano 2075. Así os locais baleiros aproveitaranse pola asociación Aspanane para outros fins sociais, en particular, ampliar as súas instalacións con usos residencias.

Múltiples vantaxes
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, puxo en valor o acordo acadado cualificándoo como moi positivo para Viveiro e para a Mariña xa que blinda e garante a continuidade da escola de idiomas na localidade, en Celeiro, permitirá dispoñer dunhas instalacións máis amplas e modernas para a aprendizaxe de idiomas e fará posible que Aspanane amplíe a súa actividade asistencial.

De feito, a escola de idiomas duplicará a súa superficie ao pasar dos 659 metros cadrados útiles actuais a máis de 1.215 metros cadrados, distribuídos en dous plantas (baixa e alta) remodeladas na súa integridade e con melloras de accesibilidade e máis espazos.

Continuidade do centro de idiomas
A Xunta tamén seguirá financiando o sostemetno do centro de aprendizaxe de idiomas, o seu persoal e recursos, para os que destina anualmente 600.000 euros. Blindan así a continuidade da escola que na actualidade conta cun cadro docente de 11 profesionais e tres traballadores máis de servizos administrativos e limpeza.

No presente curso académico a matrícula roza os 300 estudantes que se forman nas distintas nas especialidades de inglés, italiano, alemán e francés e nas modalidades presencial, a distancia (método That´s English) e libre, este último caso inclúe ao alumnado inscrito só nas probas de certificación de nivel para obter o título oficial.

55 prazas concertadas por Política Social
Outra das vantaxes do acordo é que Aspanane disporá de máis espazo para seguir crecendo e ofrecer novos servizos residenciais. A Xunta de Galicia tamén colabora co sostemento da actividade desta asociación social, e só nos dous últimos anos achegou 833.000 euros para o sostemento das 55 prazas concertadas pola Consellería de Política Social tanto no centro ocupacional, como no centro de día.

A estes apoios, de periodicidade anual hai que sumar outras achegas puntuais, como son o financiamento a través do Grupo de Desenvolvemento Rural de dous proxectos promovidos por Aspanane: En 2017 o equipamento para o taller de cociña e informática e, en 2018, financiou o peche do recinto para o uso destes espazos ao aire libre en distintas actividades de estimulación e rehabilitación.

Exit mobile version