En Riotorto, o secretario xeral, acompañado polo alcalde Clemente Iglesias, supervisou o estado da pista de pádel que será cuberta proximamente a través dunha axuda da Secretaría Xeral para o Deporte de 15.000 euros e da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda que achegará o importe restante ata os 50.000 euros de orzamento da obra a través do Plan Hurbe. Ademais, secretario xeral e alcalde tamén visitaron a parcela onde se instalará a pista multideporte que terá un custo duns 30.000 euros. O titular de Deporte galego valorou estas dúas instalacións que posibilitarán que “máis veciños e veciñas de Riotorto se sumen á práctica da actividade física”.
Na visita a Castro de Rei, o secretario xeral foi recibido polo alcalde Francisco Balado no campo de fútbol de Ribeiras de Lea onde se levará a cabo un campo de adestramento cun orzamento de 230.000 euros dos que a Secretaría Xeral para o Deporte achegará 46.250. Lete Lasa destacou a importancia do Club Deportivo Castro que na actualidade milita na Preferente Norte e que conta con máis dun centenar de licenzas entre as que destaca o pulo ao deporte de base.
Por último, o secretario xeral dirixiuse a área recreativa de Baamonde xunto ao alcalde de Begonte, José Ulla para visitar o espazo no que se instalará unha nova pista de pádel que contará cun orzamento total de 25.000 euros achegados integramente pola Secretaría Xeral para o Deporte.
A Secretaría Xeral para o Deporte realiza unha aposta decidida neste 2019 polas infraestruturas deportivas. Nos orzamentos iniciais de 2018 destinábanse un total de 2.833.043 euros para a construción e a mellora das infraestruturas deportivas de Galicia Para o exercicio 2019, a Secretaría Xeral para o Deporte destinará unha contía de 4.184.217 euros -un 47% máis que o destinado inicialmente en 2018-.