Site icon Crónica3.com A Mariña

A Concellería de Inmigración e Cooperación de Burela organiza varias actividades para conmemorar o Día Internacional para a Eliminación da Discriminación Racial

Burela, 28 de marzo de 2019. A Concellería de Inmigración e Cooperación organiza este xoves e venres varias actividades para conmemorar o Día Internacional para a Eliminación da Discriminación Racial.
O programa deu comezo coas xornadas de difusión da cultura caboverdiana que se desenvolveron hoxe, xoves, no Ceip Virxe do Carme, entre as 10:00 e as 13:00 horas, en colaboración co grupo Batuko Tabanka. O obxectivo foi sensibilizar ao alumnado sobre a diversidade cultural e a realidade do fenómeno migratorio dun xeito lúdico a través da música.
Ademais durante hoxe e mañá, venres, o alumnado de 3º de primaria dos CEIPS Vista Alegre e Virxe do Carme participa na actividade denominada Ocainmigrante, coa colaboración da aula de Medio Ambiente Gaia. A finalidade é sensibilizar aos máis novos sobre esta temática e ensinarlles a ver o mundo dende outra perspectiva, así como facelos conscientes das necesidades existentes. Mediante distintas probas, realizadas na hora de recreo, van coñecendo aspectos como o racismo, inseguridade e desamparo, acollida, pobreza, tolerancia, respecto, guerras, marxinación, rexeitamento, integración e inxustiza, entre outros.
A concelleira de Inmigración e Cooperación, Angélica Gómez, sinala que “ao longo destas xornadas hai un libro de sinaturas, na entrada da Casa do Concello, no que se pode deixar escrito algo ilustrativo sobre o tema”.
A edil burelesa lembrou que “o Concello de Burela ten convocado o VI Concurso de Lemas e Debuxo e Pintura polo Día Internacional para a eliminación da discriminación racial co obxectivo de transmitir, a través de mensaxes curtas ou debuxos, a importancia da educación en igualdade e a necesidade de eliminar a discriminación racial, así como a súa prevención. As bases para poder participar nestes concursos pódense obter na Casa do Concello o una sede electrónica da páxina web do Concello de Burela”.

Exit mobile version