Viveiro, 26 de marzo de 2019.- Veciños e persoal do centro de saúde e PAC de Viveiro concentráronse outro martes máis diante do edificio para esixir solucións a Xunta de Galicia ante a precaria situación da atención primaria no municipio mariñán. A Vicesecretaria e Alcaldesa de Viveiro, María Loureiro García, acompañada do compañeiros do goberno e do partido, participaron na manifestación e reclamaron ao goberno galego do PP “que deixe de mirar cara outra lado e atenda dunha vez as demandas dos máis de 15.000 veciños de Viveiro”.
Loureiro García explicou que “os viveirenses levamos máis de 3 meses concentrándonos todos as semanas para que a Xunta de Galicia de Feijóo escoite as nosas reclamacións. Non imos quedarnos quietos. Dende o Concello seguiremos loitando para que se cubran as necesidades dos nosos veciños, defendendo unha sanidade pública, gratuíta e de calidade. Xa nos suprimiron a área sanitaria e agora, pouco a pouco, están desmantelando a atención primaria. ¿Esta é a atención primaria adecuada ao século XXI que di a Consellería de sanidade que quere ofrecer?. O único que está conseguindo o Partido Popular é que a xente do rural viva peor porque teñen menos servizos debido aos continuos recortes”.
Listas de espera de ata 7 días
A rexedora socialista censurou que a Xunta de Galicia non cubre as baixas xustificadas dos profesionais, “provocando que os veciños queden moitas veces sen ser atendidos. Isto non o podemos permitir. Están xogando coa saúde das persoas. A semana pasada estivemos sen unha médico polas mañás e esta semana igual”. Neste eido, a socialista explicou que os veciños chegan a agardar ata 7 días por unha consulta polo feito de non cubrir as baixas médicas. Ademais os facultativos vense na obriga de traballar máis horas das establecidas e de atender a unha media de 50 persoas diarias pola falta de persoal sanitario.
2 médicos menos en urxencias
O Punto de Atención Continuada (PAC) leva meses sen 2 médicos porque os profesionais están en folga con servizos mínimos. Non hai facultativos suficientes para atender aos veciños de Viveiro, O Vicedo e Ourol, ao ser este o PAC de referencia destes Concellos.
Pasaron de 2 pediatras a 1 e ás veces ningún
Os veciños de Viveiro, O Vicedo e Ourol tamén ven como unha prestación básica como a pediatría vese afectada pola pasividade do goberno galego do PP. “Unhas 2.000 familias pasaron de ter 2 especialistas a ter tan só 1 e algunhas veces ningún, como sucedeu a pasada ponte. Todo isto nun servizo no que é fundamental facer un seguimento continuo para atender con todas as garantías á poboación infantil” denunciou Loureiro.