“Na quenda de tarde hai actualmente 4.714 cartillas, tres facultativos e dous cupos pechados”, sinala o BNG de Viveiro. Por todo o anterior e sabedores de que o SERGAS é coñecedor da situación, pedían a creación dunha praza médica a maiores en quenda de tarde, algo que será unha realidade a curto prazo en canto sexa aprobada por servizos centrais segundo fontes do SERGAS.
A fronte nacionalista lémbralle o resto das súas demandas ao SERGAS para mellorar o Centro de Saúde no Concello de Viveiro, onde ven fundamental rescatar a Atención Primaria e propoñen un plan que recolle medidas moi concretas:
-Incrementar o número de profesionais das diferentes categorías para acabar coa masificación dos cupos, de tal xeito que cada facultativo teña unha cota base de 1.250 tarxetas sanitarias e nunca superior a 1.500.
-Mellorar os equipamentos no centro de saúde.
-Suprimir as limitacións ás probas diagnósticas por parte do persoal de atención primaria
-Cobertura do 100% das ausencias e baixas dende o primeiro día.
-Atención fisioterapéutica no Centro de Saúde de Viveiro en quenda de tarde, xa que só se dispón dunha fisioterapeuta na quenda de mañá, o que supón que o servizo e a instalación pública permaneza pechada pola tarde provocando longas listas de espera (de até un ano) ou a derivación a centros privados. Situación que se ve agravada desde o 31 de xaneiro en que o Sergas rompeu o concerto para a prestación de servizos de rehabilitación con clínicas privadas na Mariña, e todas as persoas que eran atendidas nas mesmas viron suspendido o tratamento de fsioterapia, sen recibir ningunha información e solución do Sergas ao respecto.
-Cobertura da praza de pediatra vacante.
SERVIZO DE PEDIATRÍA DE TARDE
Desde o BNG propoñen que unha das consultas de pediatría sexa pola tarde, unha proposta que favorece a conciliación da vida persoal e familiar das nais e pais. “Veciñ@s con crianzas transmitíronnos que traballan polas mañás, polo que necesitan ir ao centro de saúde polas tardes, xa que por desgraza a conciliación da vida familiar e laboral non é unha realidade nin unha prioridade en moitos traballos”, explican.
Para o BNG de Viveiro é básico rescatar a sanidade pública galega, a recuperación das estruturas de xestión de Primaria e o aumento do orzamento de tal forma que se ofrezan contratos estables a máis médicos, para así dignificar a Atención Primaria e garantir un servizo básico de calidade e proximidade fronte os gobernos do PP que pretenden convertela nun privilexio.