Foz, a 24 de febreiro de 2019. O pasado día mércores 20 de febreiro reuniuse a Coordinadora Xeral de “Foz, Plataforma de Futuro” onde se aprobou por unanimidade que a nosa formación política volva concorrer ás próximas eleccións municipais do próximo 26 de maio, dando cumprimento así a unha das nosas promesas electorais da campaña pasada, na que dixemos que o noso proxecto viñera para quedarse, un proxecto independente e municipalista centrado en Foz. Non se trataba nin dun experimento nin do apéndice de ningún partido, senón que íamos a formar un proxecto político de futuro para cambiar o xeito de facer política do noso Concello, centrado na xente e afastado das prácticas do “tripartidismo” que viñera funcionando nos últimos anos.
Os veciños e veciñas de Foz cada vez víanse menos representados nos vellos partidos políticos que dominaron o espectro político do noso concello, un “turnismo bipartidista” do PP e do PSOE cos apoios dun BNG cataventos e centrado en moitos temas de fóra, que non daban resposta ás demandas das xentes de Foz. Un “turnismo” que estaba a ser un lastre para o noso pobo, posto que moitas iniciativas quedaban no tinteiro pola oposición dun ou doutro segundo estivera no goberno ou na oposición. Ben pouco lles interesaba o seu pobo, só sacar tallada electoral. Nace así no último terzo do 2014 FPF, a ilusión dunhas mulleres e duns homes por deixar atrás estas políticas caducas e crear unha nova forma de facer política, participativa, democrática, mirando polo ben común, asemblearia, moderna e centrada en Foz. Propúxose a creación dunha nova formación política, unha plataforma veciñal, como outras moitas que estaban a espallarse por todo o país. Unha formación de esquerdas centrada, dialogante na búsqueda de consensos e con afán de gobernar e darlle un cambio a Foz, que ben o merecía. Asumindo este legado e agradecendo a todas aquelas persoas que o fixeron posible, encamiñámonos cara unha nova etapa, con espírito renovado, gañas e forza.
FPF e sobre todo o noso grupo municipal, encabezado por Luís Alfonso Sixto Legaspi, xunto a Juan Riveiro e María Peña, traballou arreo estes catro anos de lexislatura, para dentro das nosas posibilidades como grupo na oposición levar a voz de moitos veciños e veciñas de Foz ós plenos, facendo política en positivo, tratando de dar solucións ós problemas, levando a iniciativa, apoiando todo aquelo que nos parecía positivo independentemente das siglas de onde viñera. Tratamos de levar sempre mocións que nos propoñían os veciños e veciñas, dos colectivos sociais, das asociacións de veciños, deportivas ou culturais, dos seguidores e seguidoras que viñeron ás Asembleas, das que nos chegaban a través do correo ou das redes sociais.
Decidimos polo tanto someternos ó escrutinio do electorado o 26 de maio, e serán eles e elas os que valoren o traballo feito estes catro anos e o programa que presentemos para a seguinte lexislatura que comezará en xuño deste ano. Polo tanto, segundo os nosos estatutos, abrimos un proceso de primarias abertas á militancia, para que se poidan presentar todos aqueles candidatos ou candidatas que queiran defender este proxecto e presentar novas iniciativas encamiñadas a mellorar a vida de todos e todas. Dende esta Coordinadora Xeral nos manteremos neutrais a faremos todo o posible para que este proceso frutifique e saiamos reforzados e unidos en torno ó candidato ou candidata que gañe para representar a esta formación política, e o que é máis importante, á s aspiracións das xentes de Foz.
Poderanse presentar candidaturas ata a celebración da Asemblea Extraordinaria que terá lugar no noso local social o día 9 de marzo ás 19.00 h. en primeira convocatoria e ás 19.30 h. en segunda convocatoria, onde candidatos ou candidatas expoñerán os seus proxectos. Poderán participar todos aqueles seguidores/as ó corrente de pago das súas cotas.
A ORDE DO DÍA será a seguinte:
Constitución da Asemblea.
Elección da mesa.
Presentación de candidaturas.
Elección de candidato ou candidata para as eleccións municipais.
Dende aquí queremos facer unha invitación a participación tanto nas candidaturas como na Asemblea.
Coordinadora Xeral de FPF