A Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo estivo a repartir desde o pasado 1 de decembro 200.000 rifas entre a clientela dos establecementos asociados. Todas aquelas persoas que mañá depositen as matrices desas papeletas na urna que estará instalada na carpa entre as 16:00 e as 20:30 horas entrarán no sorteo dos importantes premios que repartirá Acisa. “Iso si, os que depositen esas matrices deberán despois asistir ao sorteo a partir das oito e media da tarde porque hai 4.000 euros repartidos en cinco premios presenciais dotados dous deles con 250 euros, hai un premio de 500 euros, un premio de 1.000 euros e un premio de 2.000 euros. Lembramos que se trata de vales de compra e que as afortunadas e afortunados terán dous meses para gastalos nos establecementos asociados a Acisa, xa sexa comercio, hostalería ou servizos”, segundo explica o presidente de Acisa, Francisco Iriarte.
Na VIII Festa do Comercio, que terá lugar mañá, intervirán o alcalde, Fernando Suárez, e tamén o presidente de Acisa. Durante a gala serán entregados os premios aos gañadores do concurso de cartas e debuxo Queridos Reis Magos, que se desenvolveu durante o pasado Nadal. As súas serán as mans inocentes encargadas de extraer as papeletas afortunadas.
O primeiro premio en sortearse será o non presencial, que está dotado con 1.000 euros. O xerente de Acisa, Jesús Pérez, subliña que “nesa parte do sorteo entran as 200.000 papeletas repartidas nesta importante campaña de Nadal. Imos recorrer, por primeira vez, a un programa informático que será o encargado de extraer de xeito aleatorio o número premiado. O afortunado ou afortunada do premio non presencial disporá ata o 18 de xaneiro para presentarse coa súa papeleta nas oficinas de Acisa e reclamar o seu premio. Si unha vez chegada esa data ninguén o reclama, este quedaría deserto”.
O presidente de Acisa, Francisco Iriarte, insiste en que “os que non van quedar desertos van ser os premios presenciais, xa que se van sortear ata que as agraciadas ou agraciados aparezan”. E animou á xente “a asistir a esta importante cita de mañá, sábado, na que imos sortear 5.000 euros en vales de compra para gastar nos establecementos asociados a Acisa. Calquera mañá pode marchar para a casa cun premio de dous mil euros, ou de mil euros, ou de cincocentos, ou de douscentos cincuenta euros. Son cartos que van repercutir directamente no comercio e na hostalería asociados e iso para nós é moi importante”.
Na carpa, que ocupa unha superficie de 500 metros cadrados, haberá instaladas 300 sillas para que as persoas de máis idade poidan seguir o sorteo sentadas. Acisa contará cun escenario para facilitar a visión do sorteo, con varios altavoces e dúas televisións de grandes dimensións para que os que estean máis lonxe do escenario poidan ver e oír ben os números premiados.
O sorteo será áxil, dada a mecánica do mesmo. A VIII Festa do Comercio será presentada por Carmen Cruzado, xornalista e membro da directiva de Acisa, e polo xerente da asociación, Jesús Pérez. A cita será retransmitida en directo por Facebook para que as persoas que opten ao premio non presencial a poidan seguir desde as súas casas.