Madrid 23-1-19. O acto tivo lugar no stand de Galicia en Fitur, onde o presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería e Turismo de Lugo (Apehl), Cheché Real, estivo acompañado pola alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; o delegado da Área de Promoción do Territorio e Turismo da Deputación de Lugo, Eduardo Vidal, e o delegado da Xunta de Galicia en Lugo, José Manuel Balseiro.
Co título Lugo, ¿te gusta?, o volume presentado por Real é xa o décimo segundo da colección de guías turísticas … E para comer, Lugo e este ano ten como obxectivo principal presentar ao usuario unha serie de propostas para coñecer a provincia nunha escapada. A idea responde a que en cada viaxe propoñémoslle ao visitante tres destinos da xeografía lucense. Dividida a provincia en tres grandes partes, norte, centro e sur, cada proposta recorrerá tres localidades, unha de cada unha destas áreas. Todo combinado coas recomendacións dos produtos da nosa terra e os eventos da cultura popular e gastronómica dos nosos municipios.
O anuario completo está integrado por 132 páxinas, que se distribúen en catro apartados ben diferenciados. No primeiro deles encóntranse as 23 opcións de escapada, cunha introdución que nos adianta a filosofía coa que foi creada a guía. A novidade deste ano responde á aterraxe da marca …E para comer, Lugo nunha das redes sociais que se fai forte e que favorece unha nova vía de comunicación para a promoción da nosa provincia. A creación do novo perfil de Instagram será protagonista tamén nestas primeiras páxinas da guía. Os outros tres capítulos son seccións xa máis habituais, como os resultados dos concursos de tapas de Lugo e Monforte de Lemos, o álbum dedicado á presenza da Apehl na Vuelta Ciclista a España e o directorio no que se poden atopar todos os establecementos asociados da provincia de Lugo. Tamén conta cun mapa dos Camiños de Santiago que percorren a provincia por un total de 800 quilómetros de ruta e un índice cos servizos turísticos, transportes, estradas e puntos de información máis destacados.
Cunha tiraxe de 15.000 exemplares, a publicación distribúese en oficinas de turismo, albergues, feiras sectoriais, hoteis e outros establecementos hostaleiros asociados á Apehl, así como en todas as etapas da Vuelta Ciclista a España, ademais de contar coa edición dixital na web www.eparacomerlugo.es.
O presidente da Asociación, tras facer fincapé na importancia de seguir promovendo a provincia de maneira conxunta, afirmou que “esta é unha cita xa habitual para nós. Anotamos cada ano a data da Fitur para facer o lanzamento dunha nova edición da guía. Este ano esperamos que acompañe a moitos turistas, facilite a súa visita a Lugo e a gocen tanto como nós desexamos”.
APOIO LOCAL E REXIONAL
Trala intervención de Cheché Real, o delegado da Área de Promoción do Territorio e Turismo da Deputación de Lugo, Eduardo Vidal, destacou a importancia do turismo gastronómico para Lugo manifestando que “os produtos da provincia son os verdadeiros protagonistas. Permiten ademais que a marca …E para comer, Lugo sexa máis que un selo ligado á nosa gastronomía, que estea xa ligado a toda a provincia”.
Neste senso tamén insistiu Lara Méndez, alcaldesa de Lugo, ao asegurar que “tapear en Lugo está no ADN de todos os lucenses grazas á hostalería” e ensalzou o labor realizado pola Apehl ao longo de todos estes anos para a promoción turística de Lugo.
Finalmente, José Manuel Balseiro, delegado da Xunta de Galicia en Lugo, agradeceu unha vez máis á Asociación “o traballo feito con esta iniciativa que se presenta hoxe así como co resto de proxectos que levan a cabo para o desenvolvemento e divulgación da provincia non só de maneira turística e gastronómica senón multisectorial”.
Ademais tamén estiveron presentes autoridades dos ámbitos local e rexional, tales como a alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia; o alcalde de Barreiros, José Alfonso Fuente; o alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé; a concelleira de Cultura do Concello de Lugo, Carme Basadre; a secretaria do Parlamento de Galicia, Raquel Arias, entre outros.
Entre os representantes das asociacións de produtores atopábase Francisco Monasterio, presidente de Avimós. Outras caras coñecidas que visitaron o stand foron a do presentador José Manuel Parada, e a do presidente da Asociación de Amigos del Camino de Santiago de la Provincia de Lugo, Ángel Trabada.
A guía online, nesta ligazón:
https://issuu.com/home/published/guia_aphel_2019_lr_senmarcas