Site icon Crónica3.com A Mariña

“PORTOS DE INTERÉS XERAL” por Xoán Carlos Piñeiro

Esta é unha definición, que no caso e Galicia, é o apelido de 5 autoridades portuarias, en realidade 7 portos. Ven a dicir que estes portos son competencia do Estado en consonancia co interese xeral que regula a Constitución. O artigo 141.1.20 da Constitución marca esta actuación, preservando para o estado aqueles de interese comercial.
Non lle escapa a ninguén a enorme fonte de ingresos que supón o movemento de mercadorías en taxas portuarias e servizos. É tamén un nicho importante de emprego e supón a mellor plataforma loxística para Galicia e os seus produtos. Hoxe estas accións están xestionadas polo ente público empresarial Portos do Estado, que a súa vez elixe cinco consellos de dirección en Galicia, un por autoridade portuaria, primeiro gran gasto. Ademais ter cinco direccións comporta xerar competencia entre os propios portos.
Unha plataforma loxística envexable que ademais xera un importante factor social e de capacidade de inversión. A posición xeográfica galega é pois un dos valores a ter en conta na competitividade dos peiraos. Mais na realidade prodúcense paradoxos no uso, e falla de un plan de aproveitamento para asentar novas empresas e novos nichos de mercado, neste senso é clara a situación do porto de San Ciprián en Lugo, de uso exclusivo pola multinacional Alcoa, que podía supoñer unha oportunidade de asentamento de empresas. É tamén un problema o exceso de burocracia e a falta de dinamismo na xestión, que leva consigo que ditos portos estean a perder posición e competitividade, como exemplo Vigo, que perde un 6% de tráfico cada ano. Compre tamén ser realistas, toda a riqueza que xera en ingresos revirte en Galicia? Non, claro que non, no ano 2018 en Galicia investiron uns 50 millóns de euros nos 7 portos superando esa cantidade en Alxeciras soamente e duplicando no total Andalucía, con tamén 7 portos.
A pregunta clave é, no marco europeo, ten sentido o regular un interese xeral dun estado? Xa o Tribunal Constitucional en sentencia 85/1983 di que interese xeral é aplicable a tódalas administracións, entendemos que Europa tamén. Polo tanto en aras dunha descentralización e deconcentración é lóxico transferir os portos a Galicia.
So fai falla vontade política, unha oportunidade para o PSOE de Galicia para apostar polas transferencia e demostrar o galeguismo do que presumen (e sabemos carecen) é solicitar a Pedro Sánchez a modificación do RDL 2/2011 para transferir estes peiraos a Galicia. Por razóns de xustiza e tamén de futuro, xa que estes portos teñen que ser un dos motores do crecemento da nosa economía garantindo a implantación de empresas e polo tanto oportunidades de traballo e proxectando os nosos produtos baixo unha única dirección no canto de cinco, que especialice cada un dos portos.

Piñeiro Docampo
Sº Xeral de CxG.

Exit mobile version