O portavoz adxunto no Senado engade que “veu a enganarnos. Un claro exemplo diso é que en relación á alta velocidade non dixo o importante: que xa explicara en maio o anterior ministro, o popular Íñigo de la Serna, as actuacións necesarias e imprescindibles para a conexión a través de Monforte-Ourense de Lugo coa alta velocidade”, apuntou Barreiro.
O popular cre que “o delegado do Goberno tivo onte unha boa ocasión para explicar se se fixo algo; pero só falou das obras do AVE a Galicia sen falar nada de Lugo”. Así, ante a falta de explicacións concretas sobre a execución das partidas orzamentarias, consignadas polo Goberno popular co voto en contra do PSOE, temos que entender que o Goberno de Sánchez non fixo nada ao respecto nestes 7 meses”, indicou Barreiro.
Pola súa banda, o deputado no Congreso, Joaquín García Díez, lamentou tamén que o representante do Goberno en Galicia non aproveitase a súa visita a Lugo “para explicar en que situación se atopan os proxectos das variantes que vai levar a liña entre Lugo, Monforte e Ourense, a supresión dos pasos a nivel e a electrificación do tramo entre Lugo e Monforte que en maio o Goberno popular aclaraba que estarían listos para expoñerse a información pública no verán antes da súa licitación aportando documentos serios que recollían prazos e consignacións orzamentarias”. Daquela, recordou o popular, “os dirixentes socialistas na provincia, o señor Santos e a alcaldesa de Lugo, puxeron en dúbida as palabras do ministro popular. Pero, agora, o delegado do Goberno en Galicia repetiu estas mesmas palabras”. Nese caso, pregúntase “se a alcaldesa segue poñendo en dúbida eses proxectos”.
Iniciativas no Congreso e no Senado
Sobre estas actuacións en materia ferroviaria na provincia “non se fixo mención ningunha nas respostas ás preguntas que dende o PP formulamos ao Goberno dende o Congreso e o Senado nin onte en Lugo na subdelegación do Goberno”. Así, “temos que estes proxectos non se fixeran e non estea a exposición pública e, polo tanto, estean sufrindo un retraso considerable que fan imposible cumprir os prazos anunciados”, apuntaron os populares.
O portavoz adxunto do Grupo Popular no Senado engadiu que os populares presentaron tamén unha moción no Senado para instar ao Goberno a que explique o avance das obras do ferrocarril coas que se conectaría Lugo a través da alta velocidade no ano 2021.
Comisaría de Policía
Barreiro insistiu en que o ministro Zoido xa amosara o seu compromiso coa construción da nova Comisaría de Policía no barrio da Residencia. E dende o Grupo Popular no Senado xa teñen preguntado ao Goberno se mantiñan ese mesmo compromiso e mesmo presentaran unha moción instando a levar a cabo as xestións necesarias ante a Tesorería General de la Seguridad Social para que, unha vez finalizadas as obras de demolición do antigo hospital Xeral que realiza a Xunta, poida cederse a parcela ao Ministerio do Interior e iniciar a construción da nova Comisaría.
Sobre este asunto, o popular asegurou que “a vontade real da Xunta coa Comisaría de Policía en Lugo demóstrase coas obras de demolición do Xeral que están xa en marcha”. É máis, “a Xunta é a única administración que está levando adiante obras e trámites nese espazo incluso con cargo aos orzamentos da administración autonómica. É dicir, a Xunta e o seu presidente explicitaron o seu compromiso facilitando a entrega dos terreos do antigo hospital Xeral ao Goberno libres de edificacións”, puntualizou Barreiro.
Estradas
O deputado Joaquín García Díez desminte, por outra banda, “que o Goberno do señor Sánchez e do ministro Ábalos investiran 30 millóns de euros en conservación de estradas. Isto é rotundamente falso”, expón. “Mesturan conservación con execución de obra nova e partidas de renovación de firme con partidas de construción da autovía A-56 entre A Barrela e San Martiño e da A-54 entre Palas e Melide. Gastaron 5,5 millóns que implementara o Goberno popular poucas semanas antes de sufrir a moción de censura e agora anuncian para os vindeiros días novas actuacións que chegan moi tarde e demostran a falta de execución presupostaria e a falta de vontade política por atender as deficiencias das nosas estradas”, aclara. Así, “o que teñen que facer é executar as partidas que tiñan xa consignadas a pesar do seu voto en contra”, reitera o popular.
Dende o PP de Lugo consideran que “as verdadeiras intencións do Goberno socialista veranse o luns cando o señor Sánchez presente no Congreso dos Deputados os orzamentos do Estado para o 2019”. Os populares avanzan que vixiarán “as partidas destinadas á nosa provincia”.