O presidente da Fundación Expomar, Alfredo Llano, anunciou que “mañá temos previsto acudir a Santiago de Compostela tanto o xerente de Expomar coma eu, a falar coa conselleira do Mar, Rosa Quintana, para expoñerlle como vai todo o relativo á feira exposición Expomar deste ano”.
Llano salientou que “sempre houbo moi boa relación coa Consellería do Mar. Hai realmente moito interese mutuo en que esta feira saia ben. Sempre se comportaron moi ben, de xeito efectivo, e polo tanto imos expoñerlle como vai. De momento imos contarlles que vai indo perfectamente dado que case todos os stands están ocupados”.
O tamén rexedor burelés dixo que “imos escoitar propostas, sempre é bo que da Consellería do Mar veñan propostas con respecto á pesca, aos barcos e a todo aquilo que é interesante para a feira. Tamén falaremos de como imos plantexar a inauguración e a presentación. Imos facer diferentes presentacións de Expomar ao longo destes meses, parte serán en Santiago e outras na provincia. Ademais intentaremos levar documentación suficiente á feira náutico pesqueira que se vai facer en Bilbao no mes de febreiro”.
Alfredo Llano contou que “imos tratar de compoñer a súa colaboración, ver ata onde pode chegar a súa axuda, sempre dixen que se portaron moi ben todos estes anos coa feira. Trataremos de buscar a mellor solución, a mellor achega e o mellor reclamo para que a feira Expomar sega sendo unha referencia clarísima para o sector pesqueiro. Mañá, ás doce, imos ter esa reunión en San Caetano”.