Site icon Crónica3.com A Mariña

O orzamento de Barreiros para o 2019 reflicte o final do goberno municipal, di o BNG

Barreiros, 11 de xaneiro de 2019. “O orzamento presentado polo goberno do Partido Popular deixa ver claramente a decrepitude que precede ao fin dos seus días”, afirmou a portavoz municipal do BNG a respecto das contas aprobadas no pleno celebrado na tarde de onte.
Segundo o BNG, no orzamento para o 2019 séguese a afondar na política de gastar os cartos públicos en privatizar servizos básicos, desmantelando o cadro de persoal municipal e deixando en precario os servizos xestionados directamente.
A portavoz municipal do BNG, Ana Ermida, acusa ao Partido Popular de “carecer de proxecto para Barreiros, de estar a velas vir, agardando acontecementos e sen outro interese que o seu propio, sen ter en conta as necesidades municipais e das veciñas e veciños.”
A formación nacionalista destaca que “novamente volven a incrementarse partidas destinadas a empresas, como son as do mantemento do alumeado público, que continúa medrando ano tras ano ou, neste ano como novidade, a do mantemento da rede de abastecemento, recentemente privatizada e que practicamente duplica o seu coste con respecto ao 2018.”
Segundo declaracións da portavoz municipal, “as continuas privatizacións dos servizos que se están a levar a cabo, lonxe de supoñer un aforro, aumentan os gastos e realízanse a costa de desmantelar o cadro de persoal municipal, xa que se deixan prazas vacantes sen cubrir, por exemplo de operarios de obras, mentres se contratan empresas para realizar eses traballos.”
“Fronte a estes gastos que suben, volvemos a asistir ao descenso dos investimentos en mantemento de vías públicas, que volven baixar ata quedar en 20.000 euros. Pero o máis grave é que o anexo de investimentos amosa a falta de proxecto e compromiso con Barreiros do goberno municipal, xa que non reflicte ningún proxecto de investimento novo, recolléndose só proxectos que xa estaban orzamentados outros anos e que, ou non se levaron a cabo, ou non se finalizaron”, afirman desde o BNG.
Ana Ermida lamenta que “o diñeiro das veciñas e veciños de Barreiros siga a repartirse discrecionalmente e sen atender a ningún criterio obxectivo, máis que os intereses que poida ter o alcalde e o seu equipo en cada momento.”
A formación nacionalista votou en contra duns orzamentos que cualifican de “continuidade dos dos anos anteriores, baleiros de interese para a xente e ao servizo dos intereses particulares dunhas poucas persoas.”

Exit mobile version