Neste sentido, cómpre indicar que o concello experimentou un notable incremento no número de visitas á oficina de turismo, que ao longo de 2018 ascenderon a 37.281, dos que 30.828 foron visitantes nacionais e 6.453 foron visitantes internacionais. Esta cifra -aínda que por si mesma é realmente significativa para constatar a importancia do sector no municipio-, non reflicte o número real de visitantes ao longo do ano pasado, que é moi superior, xa que non todos os visitantes acoden á oficina de turismo.
Así pois, a estes datos habería que engadir os máis de 81.000 asistentes do Resurrection Fest. Tamén habería que sumar os clientes da oferta hotaleira do municipio, que adoitan facer uso da información turística que dende a oficina se remite aos hoteis, para facilitarlles a estadía e evitarlles a molestia de ter que achegarse á oficina, e que, polo tanto, non entran no cómputo referido. Outro dato que avala os bos resultados do pasado ano pode ser o ocupación hoteleira, que alcanzou un ano máis o 100% en determinados momentos do ano e que, en xeral, rondou o 80 % ao longo de todo o periodo estival.
Finalmente, para contabilizar o número de visitantes que se achegaron a Viveiro ao longo de 2018, hai que ter en conta tamén todas aquelas familias que teñen no noso municipio unha segunda residencia ou as numerosas excursións organizadas que se suceden ao longo do ano. Neste sentido, cando faltan poucos días para que peche Viveiro ante o Berce cómpre sinalar que o noso belén volveu ser un éxito de público, ao que chegaron excursións de diversos puntos de Galicia e algún centro educativo.
Estas resultados altamente positivos son o froito do intenso traballo que o Concello de Viveiro, a través da Concellería de Turismo, vén desenvolvendo nos últimos anos co fin de promocionar o noso municipio dentro e fóra das nosas fronteiras dando a coñecer os seus múltiples recursos e consolidándoo como un referente turístico de calidade.
Para isto, ao longo do pasado ano, Viveiro participou nas feiras de turismo máis importantes do sector: Fitur, onde a alcaldesa realizou unha intervención para dar a coñecer o noso municipio; Xantar, en Ourense, e Festur, en Silleda, onde estivemos cun stando propio, promocionado o concello e ofrecendo degustacións gratuíatas da merluza do pincho de Celeiro (en empanada e salpicón) e o pan dos apóstoles; World Travel Market, en Londres, onde a Concelleira de Turismo se reuniu con diversos tour-operadores; Sportur, en Ourense, onde tamén partipamos con stand propio, dando a coñecer os recursos que Viveiro ofrece ao turismo activo; ou na Seatrade Cruise Med, en Lisboa, na que se estableceron contactos con diferentes navieras para promocionar Viveiro como punto de escala para os cruceiros que navegan polo Cantábrico.
Ademais da promoción directa que o propio concello realizou nestas feiras, nas que se promocionaron os principais recursos turísticos do municipio, a Semana Santa, as festas, a gastronomía, o oferta hostaleira e lúdica, etc., Viveiro tamén estivo presente nas máis de 300 feiras que se celebran ao longo de todo o ano, ás que mandamos información turística.
Ao longo de 2018, realizáronse máis de 40 visitas guiadas, nas que se mostraron aos participantes os principais puntos de interese do centro histórico, ademais de realizar visitas específicas ao Souto da Retorta, á Cova da Doncela, ao Complexo RegalXunqueira, á lonxa de Celeiro, ás exposicións organizadas no marco do Proxecto Vivemar ou ao belén Viveiro ante o Berce; algunhas destas visitas realizouse utilizando como medio do transporte o Vivertren, como é o caso das realizadas ao Souto da Retorta, a Covas ou a Celeiro. O Concello de Viveiro tamén organizou varias rutas de senderismo guiadas aos seguintes recursos naturais: paseo fluvial, Penedo do Galo, Souto da Retorta ou Cova da Doncela. Grazas a estas actividades, máis de 3.200 persoas disfrutaron de parte dos nosos recursos con visitas organizadas e guiadas totalmente gratuítas.
A merluza do pincho de Celeiro é o noso produto gastronómico máis representativo; por este motivo, ademais da promoción que se realiza nas diferentes feiras turísticas ás que Viveiro asiste, o pasado ano realizáronse as xestións necesarias para conseguir que os hoteis OCA Puerta del Camino, de Santiago de Compostela, e OCA Palacio de la Llorea, de Xixón, organizasen unhas xornadas gastronómicas dedicadas á merluza do pincho. A Concelleira de Turismo e a Alcaldesa estiveron presentes nos actos organizados en ambas cidades para presentar esta actividade, onde se aproveitou para dar a coñecer as características e beneficios deste produto.
En 2018, Viveiro volveu a formar parte dunha das etapas da Travesía Navega el Camino, formada por un máximo de trinta embarcacións que percorren o Camiño do Mar, dende Hondarribia a Compostela. Os 80 participantes desta travesía permaneceron dous días no noso municipio, disfrutando das actividades organizadas por este concello, nas que cómpre destacar o showcooking ofrecido nos claustros de San Francisco.
En relación co traballo desenvolto polo concello de Viveiro para promocionar o turismo marítimo, cabe anunciar que en xuño deste ano está prevista chegada dun grupo de 70 persoas, procedentes de Escocia, que chegarán ata aquí por terra, coas súas embarcacións, e que permaneceran no noso municipio dous días pernoctando en establecementos hotaleiros, pero que veñen co obxectivo de disfrutar das posibilidades que a nosa ría pode ofrecer. Esta agrupación chegará a Viveiro, por terra, coas súas embarcacións, para navegar durante dúas xornadas pola nosa ría.
A valoración de que se fai dende o concello, tendo en conta estes datos e as impresións do propio sector, é moi positiva; Viveiro sempre foi un municipio eminentemente turístico, pero grazas ás iniciativas levadas a cabo nos últimos anos estamos a diversificar a súa gran oferta, conseguindo que Viveira sexa un destino turístico ao longo de todo o ano, non só un destino estacional, e que ata aquí poidan chegar visitantes con intereses moi diversos: turismo cultural, turismo de natureza, turismo gastronómico, turismo activo, turismo de ocio, etc.