Site icon Crónica3.com A Mariña

O candidato do PSdeG-PSOE de Foz, Fran Cajoto, fixo unha posta en común cos empresarios do polígono industrial da localidade

Foz 11-01-2019.- Nunha reunión celebrada a pasada semana, entre os socialistas e os empresarios asentados no polígono industrial de Foz saíron a relucir unha serie de deficiencias observadas na área industrial, tanto en mantemento básico, limpeza e rozas como en iluminación, sinalización, reparación de calzadas, seguridade ou en sistemas de comunicación.

Coinciden socialistas e empresarios en que a nova autovía e o enlace proxectado xogará un papel fundamental na posta en valor do polígono. Coincidindo tamén na importancia de dotar de servizos que supoñan un valor engadido á área empresarial, tales como: fomentar medidas de eficiencia enerxética ou implantar fibra óptica, algo fundamental para a industria nos tempos actuais.

“A implicación municipal na excelencia e modernización do polígono industrial é algo fundamental que está a ser desatendido polo actual alcalde” – considera Fran Cajoto- “Débense dar facilidades ás empresas xa instaladas e crear sinerxias para fomentar o emprendemento e que se instalen outras novas. O estado de abandono e as carencias do polígono na actualidade, fano pouco atractivo para a implantación de novas empresas tan necesarias para mellorar a calidade de vida os cidadáns e conseguir que os mozos non se vexan obrigados a buscarse a vida fóra da localidade, xerando postos de emprego que axuden a fixar poboación, non podemos permitirnos o luxo de perder empresas tan importantes como Frutas Morriña, que tiña a intención declarada de permanecer en Foz.”. – opina o candidato socialista

“Co fin de evitar esas carencias e converter o polígono industrial de Foz nunha infraestrutura de referencia e mellor dotada, desde o PSOE instamos o alcalde de Foz a buscar e acollerse a axudas ofrecidas por outras administracións, como as que ofrece a Xunta nestas fechas, para a promoción e modernización da área empresarial”. -remata Fran Cajoto

Exit mobile version