Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Mondoñedo denuncia que 322 nenos e nenas pertencentes ao centro de saúde da localidade están sen atención pediátrica

Mondoñedo, 17 de xaneiro do 2018.Segundo o portavoz municipal do BNG en Mondoñedo, Eloi Cabanas, “nestes momentos, os 322 nenos e nenas pertencentes ao Centro de Saúde de Mondoñedo non son atendidos por persoal pediátrico salvo casos de gravidade”, e anunciou que a deputada do BNG Olalla Rodil acaba de presentar varias iniciativas no Parlamento Galego para esixir da Xunta de Galiza a cobertura inmediata do servizo de pediatría nos Centro de Saúde dos concellos de Mondoñedo, Lourenzá e Barreiros.

O Voceiro nacionalista explica que a pediatra titular do Centro de Saúde de Mondoñedo está sendo compartida cos centros de Lourenzá e Barreiros, limitando a súa actividade en Mondoñedo a 3 horas os luns, mércores, xoves e venres toda a mañá o que provoca que moitas veces as nais e pais deban trasladarse a outra localidade o ata o Hospital da Costa para que as crianzas sexan atendidas.

A baixa sen cubrir da profesional “non é de recibo”, xa que non se poden atender con normalidade as patoloxías das crianzas, “agora os menores son derivados a médicos de cabeceira o que sobrecarga aínda máis o traballo dos médicos do Centro de Saúde, situación que se agrava cando falta algún facultativo, e se deciden derivalos ao Servizo de Urxencias do Hospital da Costa estes son vistos por persoal de urxencias non pediátrico en primeira instancia.

Unicamente o Sergas habilitou un/unha facultativa de familia unhas horas en quenda de tarde para a atención das revisións establecidas de nenos sans de 0 a 3 anos e para vacinacións.

-“Presentar unha moción no concello para que se cubra a praza cando a titular se ausente por baixa o vacacións, como fixo o goberno local en novembro, non é suficiente”-
Eloi Cabanas pídelle á alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, responsabilidade e que faga valer o seu peso político ante o goberno da Xunta de Galicia, “se é que de verdade o ten”, para garantir o servizo de pediatría de forma permanente nos concellos afectados.
“De nada serve querer asentar poboación no concello cando temos uns servizos sanitarios tan deficitarios” conclúe.

Exit mobile version