Ribadeo, 8 de xaneiro de 2019. O alcalde, Fernando Súarez, fixo un balance positivo da repercusión que a pista de xeo natural XL tivo para a vila e o comercio local. A falta de coñecer os datos definitivos o rexedor adiantou que a recadación ascendeu a algo máis de 20.000 euros e que o número de vales de desconto empregados foi superior ao de pasadas edicións. A pista de xeo estivo instalada no parque de San Francisco desde o 21 de decembro ao 7 de xaneiro. O rexedor considera que Concello e Acisa, de cara ao vindeiro Nadal, deberán analizar e valorar si esta iniciativa debe continuar ou si habería que pensar noutras posibilidades.
Fernando Suárez dixo que “a falta do reconto exacto no que están traballando na área económica, podemos dicir que os ingresos foron semellantes aos do ano pasado. Isto é algo máis de 20.000 euros, pero debemos dicir que o número de usuarios foi algo maior pois desta volta usáronse moito máis, por parte do público, os vales de compra que o pequeno comercio local asociado foi repartindo entre a xente que facía as compras. Hai que ter en conta que foron emitidos 10.000 vales, de 3 euros cada un, en total o equivalente a 30.000 euros, que se usaron nas bonificacións das entradas. Estes vales foron repartidos e esgotáronse xa hai tempo, de aí que se foran usando moito máis que en anos anteriores”.
Para o alcalde ribadense: “significa isto que se vendeu, que os consumidores volveron confiar en Ribadeo, e que esta iniciativa funcionou, a pesares de que xa leva anos e estas cousas, como todo o mundo sabe, co paso do tempo poden ir perdendo a frescura do principio. Pero hai que ter en conta que esta campaña, que levamos adiante o Concello e máis Acisa, ten un custo importante para ambas as dúas partes. No caso do Concello entre o aluguer da pista de xeo, a contratación do persoal e o consumo eléctrico para conxelar esa cantidade de auga todos eses días, ascende a uns 40.000 euros, dos que se ven recadando en concepto de entradas a metade. Queda pois un déficit duns 20.000 euros pero que nunca debemos considerar iso no aspecto negativo, dado o enorme movemento económico que supón para o comercio local asociado”.
O rexedor considera que “para o vindeiro Nadal, aínda que queda moito tempo, entendemos que Concello e Acisa deberán valorar se esta iniciativa segue así ou si se pode pensar en algo diferente, pero que siga atraendo xente a Ribadeo. En todo caso o que non debe cambiar é o compromiso e a colaboración que mantemos Acisa e máis o Concello, porque é unha garantía de axuda a un sector tan importante para nós e para Ribadeo, como é o sector servizos”.