Foz, 29 de xaneiro de 2019. O alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira, reclama á Xunta de Galicia que arranxe canto antes a estrada LU-151, que vai desde Fazouro ata San Acisclo.
“Desde o equipo de goberno do Concello de Foz queremos solicitar ao organismo que corresponde, neste caso a Xunta de Galicia e concretamente a Consellería de Infraestruturas, o arranxo dunha estrada que nos parece tremendamente importante e que é necesario mellorar, dado o seu estado actual. Estamos a falar da LU-151, a que vai de Fazouro a San Acisclo bordendo o río Ouro e que pasa tamén por Fontao. É unha estrada vertebradora, que une a zona sur do municipio, San Acisclo e Santa Cilla, e tamén partes doutros concellos coa costa, con Fazouro, co viario das diferentes praias e tamén co Hospital da Mariña”, manifestou hoxe o rexedor municipal focense.
Javier Castiñeira engadiu que “é unha estrada moi usada, atópase en mal estado e como temos constancia, polo seguimento que lle estamos a facer, de que Infraestruturas ten bastante avanzado o proxecto, queremos demandar que faga canto antes os arranxos necesarios, para o que ten que sacar a licitación ese proxecto e dotar economicamente con partida orzamentaria esta obra, que sabemos que é de envergadura. Pero entendemos que é unha estrada que o necesita, é importante e é unha demanda non só dos veciños de Fazouro, San Acisclo e Santa Cilla senón de todos os do municipio de Foz, ademais dos de doutros concellos coma O Valadouro e Alfoz, que tamén circulan por esa vía”.
O alcalde de Foz rematou comentando que “é ben certo que xa houbo varios requirimentos por parte do pleno porque xa se produciu incluso algunha caída de taludes. Dado ese perigo e avanzado o proxecto, como sabemos que está, pedimos que se saque canto antes a licitación, unha vez que se dote economicamente esa obra dentro do plan de arranxo de estradas que ten a Xunta de Galicia, á cal pertence esta vía autonómica LU-151”.