Site icon Crónica3.com A Mariña

Mondoñedo inagura este sábado un monólito en homenaxe a Siervo González, Graciano Paz, Manuel Rodríguez e a todas as vítimas do franquismo

Mondoñedo 26-12-18. Unha iniciativa veciñal, apoiada pola totalidade dos grupos que forman parte da corporación municipal, homenaxearán o 12 de xaneiro en Mondoñedo a Siervo González Rivas, Graciano Paz Amieiro e Manuel Rodríguez Núñez asasinados polo fascismo fai oitenta anos. Segundo os promotores do acto “ estamos a facer xustiza con estes veciños asasinados e no seu nome a todas aquelas persoas que no noso concello sufriron a represión por ser demócratas e persoas de ben. Siervo González, Graciano Paz e Manuel Rodríguez, son outros tres exemplos da represión en Mondoñedo, unha represión que asasinou a oito mindonienses e deixou sen vida na nosa localidade a outros oito veciños de Ribadeo, Pastoriza e Viveiro. A morte destas persoas debemos enmarcalas a dura represión que viviu Mondoñedo após 1936, do que da conta un amplo repertorio represivo, con cárcere, sancións e depuracións ate sumar máis de 76 persoas neste concello como vítimas da represión franquista”.
Os actos de homenaxe darán comezo ás 12:00 h do sábado 12 de xaneiro, cun acto a celebra no parque a carón do cemiterio vello, moi preto de onde foron asasinados, e no que participaran Antonio Reigosa, cronista oficial de Mondoñedo, Pedro González, neto de Siervo González, Graciano Pardo, neto de Graciano Paz, Xusto Lage, sobriño neto de Manuel Rodríguez, Angeles Rodríguez Rico, portavoz municipal do PP, Eloi Cabana, portavoz municipal do BNG, Esperanza González, portavoz municipal do PSOE, , ao tempo aqueles veciños de Mondoñedo que queiran achegar a súa particular homenaxe cun poema aos tres asasinados poderan facelo poñéndose en contacto coa comisión organizadora no telefono 683 14 87 57. Esta parte da homenaxe concluirá coa inaguración dun monólito sufragado polo concello de Mondoñedo no mesmo lugar onde foron asasinados Siervo González Rivas, Graciano Paz Amieiro e Manuel Rodríguez Núñez para perpetuar a lembranza destes feitos.
A homenaxe terá continuidade ás 13:15 h na Casa da Xuventude, antiga sé da Sociedade de Obreiro Católicos e por conseguinte local moi vinculado á vida e a memoria dos tres homenaxeados, cun mesa redonda sobre a personalidade e a traxectoria vital dos homenaxeados, no que tomaran a palabra, Pedro González, neto de Siervo González, Araceli González, neta de Siervo González,Xusto Lage, sobriño neto de Manuel Núñez, e Graciano Pardo, neto de Graciano Paz. Siervo González, Graciano Paz e Manuel Núñez, asasinados por un piquete de gardas civís e milicianos fascistas o 11 de xaneiro de 1938 no lugar da Rocha a carón da Travesía dos Remedios, partillaron un compromiso social e político naquel tempo de esperanza que foi a II República. Socios e directivos da Sociedade Obreiros Católicos, activistas e dirixentes da sección local do sindicato de orientación libertaria Confederación Nacional dos Traballadores e militantes da Unión Socialista Galega, organización nacionalista e socialista, cuxas listas ao congreso en 1933 encabezará Siervo González.
A xornada, convocada con un cartaz anunciador elaborado cunha imaxe deseñada para a ocasión polo artista plástico mindoniense Daniel Caxigueiro, rematará cun xantar de convivio, aberto a todas aquelas persoas interesadas, coa única limitación imposta que impón o número de prazas, polo que pregamos a todas aquelas persoas interesadas en asistir, a que se inscriban na a nosa conta de correo electrónico martiresdemondohnedo@gmail.com ou no número de telefono 683 14 87 57. No mesmo, ao igual que no conxunto dos actos da xornada, está confirmada a presenza dos familiares de Siervo González, Graciano Paz e Manuel Rodríguez desprazados para a ocasión a Mondoñedo. Xa por último, queremos facer un facer un chamado ao conxunto dos colectivos sociais, veciñais e culturais de Mondoñedo e da Mariña así como a todas aquelas mulleres e homes da zona para que se sumen a este acto de homenaxe.

Exit mobile version