Foz, 9 de xaneiro de 2019. Dous estudantes do Lycée Guillaume Tirel, de París, realizan prácticas durante un mes en empresas hostaleiras da Mariña por iniciativa do IES de Foz.
Desde o centro educativo focense explican que “froito da colaboración Erasmus+ entre o IES de Foz e o Lycée Guillaume Tirel, de París, xurde a posibilidade de que alumnos do centro francés realicen prácticas en restaurantes da comarca. O IES de Foz ofreceu un abano de posibilidades para que elixiran as máis convenientes. As empresas elixidas foron o Hotel O Cabazo, de Ribadeo, onde ofrecen tamén aloxamento e manutención ós alumnos e o Parador de Ribadeo. O modelo de Paradores de Turismo de España forma parte do currículo dos estudos de hostalería en Francia”.
A dirección do IES de Foz engade que “os alumnos aproveitarán a estancia para coñecer a comarca e a oferta turística e gastronómica galega. Están acompañados estes primeiros días pola profesora Mar González, profesora de español no instituto francés. Esta iniciativa é o inicio dunha colaboración estable entre os dous institutos co fin de ampliar o número de alumnos, de empresas e mesmo a posibilidade de enviar alumnos do noso instituto a París. A experiencia é moi positiva tamén para os alumnos do IES de Foz, que aproveitan esta oportunidade para practicar o idioma e coñecer outras culturas”.