Rosa Luxemburgo foi asasinada un 15 de xaneiro de 1919, hai xusto unha centuria.
Os encargados foron os Freikorps, corpos paramilitares conformados na I Guerra Mundial, tradución de cuxo termo –corpos libres- non é máis que un macabro paradoxo. Eles querían impor a súa liberdade a paus e, en puridade, ninguén era máis libre que Rosa.
A Rosa fendéronlle o cranio coa culata dun rifle, logo viñeron os golpes, as torturas e as humillacións, para, con posterioridade, tirar o seu corpo sen vida a unha canle en en Berlín.
A nosa protagonista metera o dedo na chaga e premera forte. A súa reivindicación era a dun mundo onde a liberdade non sometera á xustiza.
Naquel tempo as peaxes pagábanse con sangue, hoxe tamén.
No ano 2004 aprobouse a lei orgánica de medidas de protección integral contra a violencia de xénero. O seu lei motiv era, segundo reza o artigo 1, “actuar contra a violencia que, como manifestación da discriminación, a situación de desigualdade e a relación de poder” exercen os homes sobre as mulleres.
A creación dunha xurisdición especializada, como foron os xulgados de violencia sobre a muller, poñía o acento sobre a necesidade da administración de dotarse de novos medios para atender a vellas realidades.
O tempo volve a situarnos nun cruce de camiños onde, novamente, é inescusable tomar partido; nos nosos días hai quen está a afirmar que esta lei é discriminatoria, xa que a violencia afecta tanto a uns coma a outros. ¿Teñen que fixarse dereitos en sentido positivo? Isto é, ¿é xusto que a lei fixe tratamentos “discriminatorios”?
Se admiten unha opinión este narrador non ten dúbida ao respecto, por suposto. A discriminación positiva é tan só xustiza.
Por iso non teño reparo algún en recoñecer que a lei contra a violencia de xénero é tan mellorable tecnicamente como necesaria no seu contido. Por iso mesmo antes de botar a andar é preciso saber onde estamos.
A violencia é tan só a manifestación última e extrema dunha realidade inxusta, no tocante a Rosa Luxemburgo e ao respecto de tódalas mulleres. Por debaixo do manto superficial existen outras realidades.
No plano xurídico, máis aló da violencia física, habería que analizar o limbo legal no que se atopa a prostitución no noso país. Segundo diversas fontes o 80% das prostitutas traballan contra a súa propia vontade sendo a meirande parte estranxeiras.
Algunhas delas rematarán, igual que a propia Rosa Luxemburgo, no fondo dalgún río.
“Por un mundo no que sexamos socialmente iguais, humanamente diferentes e totalmente libres.”