Site icon Crónica3.com A Mariña

Con Pólvora e Magnolias: “DESENVOLVENDO O 2019”, por Pablo Álvarez Ramos.

Nunca entendín moi ben tanta teima numérica.
Confeso que, xa ben novo, amosei máis interese polo verso e a melodía que deica as ecuacións ou os logaritmos. De seguro nunca tiven a disciplina suficiente para entender as matemáticas.
Tanto foi así que xa no bacharelato escollín o camiño das historias e das literaturas, non sendo por entender a súa maior importancia, senón polas limitacións propias no tocante ao cuantificable. Cada un está feito polo seu propio patrón… ¡Que lle imos facer!

Por iso hoxe sigo sen entender moi ben que hostia é o 2019 –permítanme o exabrupto, tan só se trata dunha pequena licencia literaria nuns tempos que non están para refinamentos-.
O ano que entra para moitos será o do comezo e para outros o da fin, o ano que gañamos ou aquel no que caemos derrotados, o do nacemento ou o da morte, ¿quen sabe?… cecais a data na que deixamos de fumar, tivemos fillos ou comezamos a facer deporte.
Aínda que no fondo, a única convicción firme que teño ao respecto do 2019, é que será una continuación inevitable da anualidade anterior, dos XXI séculos precedentes e dos tempos de antes de Cristo. Poida que por esta última razón, aínda hoxe, siga a ser un verdadeiro analfabeto matemático.
Así que a madrugada do día un de xaneiro naceu coma todos os anos, rodeado de familia, coa TV prendida e facendo xuntanza de desexos futuros.
Adoita a ser esta opinión un espazo no que abordar a actualidade dende unha perspectiva xurídica, se me permiten o abuso, hoxe toca falar máis dos feitos que do dereito porque, ao fin e ao cabo, son os primeiros os que fundamentan o segundo.
A realidade dos feitos é que na pantalla saía a mesma rapaza lixeira de roupa como reclamo televisivo, nas mesmas galas de entretemento, que servirían de rampa de despegue para un receso de fraternidade que viría seguido da aterraxe do día 2 de xaneiro.
Onte eran rescatados 214 migrantes de tres pateras no mar de Alborán e no Estreito, os xornais enchíanse de sucesos nun dos países con menores taxas de delincuencia do mundo, e a primeira nena nacida no 2019 na comarca da Mariña era a segunda filla dun matrimonio peruano que reside no municipio de Burela. Un tal Ortega Smith afirmaba que era imprescindible derogar a lei de violencia de xénero.
Hoxe non toca falar de dereito, tampouco de feitos, tan só sentir un pouquiño máis para ver se no 2019 somos capaces de transformarnos. Ventureiro ano novo.

Exit mobile version