Site icon Crónica3.com A Mariña

Comezaron as obras do saneamento en Piñeira. O investimento ascende a 102.000 euros

Ribadeo, 10 de xaneiro de 2019. Dan comezo estes días as obras de saneamento na parroquia de Piñeira. Suporán un investimento de 102.000 euros e realizaranse con cargo ao Plan Único da Deputación de Lugo e a unha achega do Concello. O prazo de execución destes traballos será de 3 meses.
O alcalde ribadense, Fernando Suárez, declarou que “estamos iniciando o ano e facémolo con obras. Seguimos coas da avenida da Ría de Ribadeo, que estamos ultimando, e coas de San Roque, que tamén se están realizando. E nestes días estamos empezando un novo saneamento na parroquia de Piñeira”.
O rexedor explicou que “aproveitando o Plan Único entre a Deputación e o Concello, curioso que outra vez máis a Deputación sexa este ente alleo ao Concello que nos volve axudar outra vez máis para ir conseguindo avanzar no saneamento nas parroquias, algo que á Xunta de Galicia levamos xa desde hai anos demandándolle, a través de acordos plenarios unánimes, a inversión en Ribadeo en saneamentos. Non sei se agora, porque van chegar as eleccións vai haber anuncios, pero ata o de agora houbo un secaño absoluto”.
Suárez Barcia dixo que “coa Deputación seguimos traballando e neste caso imos facer este saneamento duns 102.000 euros de orzamento para dar servizo a todos os veciños e veciñas destes barrios de Morgullón, Igrexa e Barreiro na parroquia de Piñeira”.
O alcalde sinalou que “a empresa adxudicataria foi Coto Estudios y Construcciones, que despois dun procedemento aberto foi a que mellor oferta fixo. O prazo de execución deste contrato son tres meses. O orzamento entre o Concello e a Deputación ascende a 102.000 euros para facer unha tubaxe de pvc onde se recollan todos os vertidos destes núcleos, vanse levar ata un punto baixo, situado no núcleo de Barreiro, e de aí mediante un sistema de impulsión, vaise bombear para conectarse coa rede xeral, nunha lonxitude aproximadamente duns 800 metros”.

Exit mobile version