Foz, 30-1-19. Este venres, día 1 de febreiro, celebraremos no Colexio Martínez Otero de Foz, con numerosas actividades adaptadas aos diferentes niveis, o “Día da Non Violencia e a Paz”. Nesta data, que para nós é cada día do ano, facemos fincapé na necesidade de que a educación sexa un dos mellores mecanismos para a transmisión de valores como a tolerancia, a solidariedade, o respecto aos Dereitos Humanos, a non violencia e a paz.
Nesta xornada, lúdica e festiva, realizaremos unha serie de actividades adaptadas a todos os niveis: celebramos unha Eucaristía pola Paz, leremos un manifesto elaborado polo propio alumnado de 4º ESO e lanzaremos ao mundo a nosa mensaxe de paz guiada por un feixe de globos. Ademais, e como novidade deste ano, faremos un xogo colaborativo desde Primaria ata a ESO polas rúas do noso concello, no que colaboran moitos establecementos locais.