Mondoñedo 30 xaneiro 2019: Blas Cantó traerá a súa xira acústica 2019 a Galicia no mes de abril, concretamente, o coñecido artista murciano ofrecerá un concerto acústico dentro da programación das Feiras e Festas das Quendas, que celebra anualmente a cidade de Mondoñedo. A actuación do que foi integrante vocalista do afamado grupo Auryn, terá lugar no auditorio Pascual Veiga, o vindeiro 30 de abril , ás 22:00 horas.
O presidente da Asociación As San Lucas, organizadora tamén das Feiras e Festas das Quendas en colaboración co Concello, Miguel Souto, deu a coñecer esta mañá a actuación do artista, que suma numerosos éxitos. Primeiro, dende o ano 2011, co grupo Auryn, co que acadou todos os récords de vendas en España e co que logrou números un, os máis prestixiosos premios nacionais e internacionais, discos de platino e un gran éxito en latinoamérica. Cada concerto e firma de discos de Auryn amosaban cheos absolutos.
Xa en solitario, Blas Cantó obtivo discos de Ouro e Platino co seu single, ‘El no soy yo”, sinxelo que foi número un da lista de Los 40. A finais do pasado mes de setembro, Blas Cantó tamén publicou o álbum de estudio ‘Complicado’, que en tan só unha semana da súa estrea, conseguiu o primeiro posto na lista oficial de vendas de España.
Miguel Souto considera que este concerto “tamén é un bo medio de promoción da nosa cidade, xa que o turismo é un dos activos de Mondoñedo e así as San Lucas e As Quendas son fundamentais para a nosa economía local”.
As Quendas 2019, entre o 29 e o 1 de maio
Miguel Souto informou que este ano as Feiras e Festas das Quendas celebraranse entre o 29 de abril e o 1 de maio. Dende a Asociación As San Lucas, están a traballar no deseño do programa que, “de novo volverá a integrar actividades para todos os gustos e públicos, pensando sempre en que o principal protagonista é o cabalo, que ten o seu día grande, o día 1, pero que se complementará con outras iniciativas culturais e artísticas”.