O presidente da Fundación Expomar explicou que “nos desprazamos a Santiago co fin de manter unha reunión na Consellería do Mar, tanto coa conselleira Rosa Quintana como con Mercedes Rodríguez, que é a directora xeral de Pesca. Tivemos unha xuntanza moi gratificante para favorecer á Feira Náutico Pesqueira Expomar 2019”.
Alfredo Llano sinalou que “nosoutros levábamos unha previsión de formalizar con eles que nos fixeran algunha proposta para este ano para as xornadas, e tamén para outras cousas. Para as xornadas técnicas fan unha proposta que nos parece boa como é a comercialización, a industrialización e a calidade e tamén é posible que se fale do brexit. Tamén falamos da formación profesional, para que haxa máis circulación e motivación para dedicarse ao sector pesqueiro e que haxa unha garantía do relevo xeracional. Neso estamos de acordo, en favorecer nas xornadas técnicas ese tipo de charlas e conferencias. Tamén analizamos os posibles actos de presentación a realizar da feira, imos intentar facer unha en Santiago”.
O rexedor burelés cre que “tivemos un acerto grande este ano desde a comisión de Expomar, xa que plantexamos que fixeran, paralelamente á Feira Náutico Pesqueira, o Consello Galego de Pesca da Xunta de Galicia. Parécenos moi interesante dado que aí se concentra aquilo que interesa máis ao sector, ademais sacarán as súas conclusións en Burela, e parécenos moi importante que estean alí e fagan ese Consello coincidindo coas datas de Expomar. A conselleira quedou de miralo esta semana xa e eu penso que é fácil que sexa en Burela. Isto fortalecería o que é a filosofía de Expomar, e daríalle un empuxe importante. Coincidiría co encontro empresarial e as conclusións que se poden sacar en Burela poden ser definitivas e realmente importantes para o sector”.
Alfredo Llano engadiu que “tamén estivemos falando do apoio económico e institucional. Nese aspecto non hai ningún problema, a verdade é que hai que recoñecer que a Consellería do Mar sempre se portou extraordinariamente ben coa feira Expomar e segue nesa liña, polo tanto estamos agradecidos de que se siga esta boa relación que existe. O apoio económico e institucional vai ser na liña que xa se fixo noutras edicións. Estamos conformes e saímos moi satisfeitos. Polo tanto imos seguir traballando para que esta edición da Feira Náutico Pesqueira de Expomar sexa realmente importante para o sector, para a comarca e para Burela”.