Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta rematou as últimas obras na área de reestruturación parcelaria do Val de Alfoz, na que investiu 5,6 millóns de euros

Alfoz, 10 de xaneiro de 2019.- A Consellería do Medio Rural rematou as últimas obras que quedaban pendentes na área de reestruturación parcelaria do Val de Alfoz, coas que se dan por concluídas as actuacións sobre o terreo logo dun investimento global de 5,6 millóns de euros.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitou a zona na que se acometeron traballos nas canles e outras actuacións correspondentes á segunda fase da rede de camiños secundarios, e explicou que ao longo deste ano avanzarase nos trámites administrativos conducentes á entrega dos títulos de propiedade.

Balseiro apuntou que se trata dun procedemento complexo -iniciado fai 22 anos- que involucra a máis de 1500 propietarios e inclúe a necesaria revisión integral do expediente e a comprobación dos datos identificativos dos interesados, requisitos indispensables para proceder á inscrición no rexistro da propiedade.

7M€ de euros de investimento
O delegado afirmou que no último ano “o Goberno galego deu un importante impulso aos proxectos de reestruturación abertos en Alfoz”, rematando tamén os traballos de campo da parcelaria de Pereiro-As Oiras.

En conxunto, ambos procedementos supuxeron un investimento de case 7 millóns de euros e, como resultado dos mesmos, preto do 95% da superficie agraria do municipio de Alfoz está concentrada.Ambas actuacións suman 1872 hectáreas e involucran a máis de 2100 propietarios,

“Como resultado destes traballos, hoxe dispoñemos de fincas máis grandes e con mellores accesos, que facilitan o traballo optimizando os resultados e incrementando o rendemento”-explicou o delegado.

O proceso en datos
No Val de Alfoz, as 7746 parcelas preexistentes quedan reducidas practicamente á terceira parte (2701), pero a superficie media de cada unha delas medra en igual medida, pasando dos 1970 metros cadrados ata os 5371 metros cadrados das fincas actuais.

Nesta zona trabállase sobre unha extensión de 1523 hectáreas, na que se construíron ou melloraron 68,3 quilómetros de camiños (18,7 asfaltados e o resto en zahorra). Do resto da superficie, 1180 hectáreas estarán dedicadas a usos agrícolas e 311 a usos forestais; o redimensionamento das fincas favorece a introdución de maquinaria e doutros usos en áreas nas que anteriormente non eran rendibles.

O delegado afirmou que “para a Consellería é unha prioridade impulsar os procesos de concentración parcelaria abertos, sobre o convencemento de que a reorganización de terras permitirá un mellor aproveitamento para os que apostan por labrar o seu futuro no rural”.

Exit mobile version