A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galiza recoñece ao grupo parlamentar do BNG que a partir do km 2,7 (á altura de Chavín) o firme da estrada Lu-161 “non é recente e vese afectado pola climatoloxía”, e comprométese, aínda que sen concretar data algunha, a incluir a súa mellora dentro do Plan de Reforzos de Firme que está a desenvolverse pola Axencia Galega de Infraestruturas.
O BNG de Viveiro valora positivamente o anuncio da Xunta pero considera totalmente insuficiente estas medidas de parcheo prometidas para unha estrada coma a LU-161 que se atopa nunhas condicións de abandono total e que sufre non so graves deficiencias no seu firme e trazado, que a fan moi perigosa, senón que tamén conta cunha escasa anchura, cunetas en mal estado e sen beiravías. Unha estrada onde as veciñas e veciños destas parroquias veñen sendo testemuñas, desde hai anos, de numerosos accidentes que sufren os usuarios deste vial debido á existencia de puntos especialmente sensibles para a circulación, con curvas perigosas, sen marxe entre o límite do carril e o final da calzada, escasa e mala sinalización horizontal e cunetas sen revestir, mal conservadas e cuns desniveis moi fortes que aumentan a gravidade e as consecuencias da saída da vía dos vehículos e que carece dun marxe mínimo que pemita a/ao condutor/a correxir a traxectoria, esquivar un obstáculo, ou frear, sen sairse da calzada.
O BNG de Viveiro lamenta a falta de interese dos responsables da Xunta do PP amosado pola seguranza viaria desta estrada e critican que tan so se preocupen de realizar obras de parcheo en tramos moi puntuais en épocas electorais, tal como fixeron nesta mesma estrada desde o PK. 0.00 ata o 2.7 no 2016, ano de eleccións autonómicas e así o recordaban no escrito remito ao Bng parlamentar.
Desde a fronte nacionalista reclaman a erradicación dos puntos negros existentes na LU-161 e a adopción de medidas necesarias para executar obras de mellora e acondicionamento na estrada autonómica LU-161, mais alá de parcheos prometidos a golpe de denuncias e eleccións, que facilite á nosa veciñanza acceder en pouco tempo e con seguridade ás vilas da comarca e conectarnos nun corto espazo de tempo ás vías de alta capacidade máis próximas.