Lugo, 29 de xaneiro de 2019.- Só no ano 2018 a Xunta de Galicia investiu seis millóns de euros para apoiar e financiar os servizos de emerxencia da provincia de Lugo. Esta achega converte á administración autonómica na que maior esforzo inversor realiza nesta materia.
Así o explicou en rolda de prensa, a modo de balance, o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, quen aclarou que o Goberno galego realiza este esforzo económico pensando en garantir o bo funcionamento do servizo, e a pesar de non ser o titular directo desta competencia, xa que corresponde aos concellos de máis de 20.000 habitantes e, nos máis pequenos, ás deputacións.
As achegas distribúense principalmente para o sostemento de tres servizos: o Consorcio Provincial Contraincendios e de Salvamento (titular dos parques comarcais de bombeiros), os Grupos de Emerxencia Supramunicipais (GES), o sostemento das agrupacións de voluntarios de Protección Civil e, finalmente, o mantemento das brigadas municipais de emerxencias.
Parques comarcais de bombeiros
Durante 2018, na provincia de Lugo, a Xunta achegou 2,4 millóns de euros para financiar o 50% do custe de sostemento dos seis parques comarcais da provincia, emprazados na localidade de Monforte, Chantada, Sarria, Barreiros, Vilalba e Viveiro.
Balseiro lembrou que neste momento hai unha oferta en firme para comarcalizar tamén o da capital (Lugo cidade) de tal xeito que daría servizo como parque de primeira resposta a 120.000 persoas (ademais da capital, atendería á veciñanza doutros seis concellos limítrofes os Castro de Rei, O Corgo, Friol, Guntín, Outeiro de Rei e Rábade) e que suporía unha achega estimada en 600.000 euros, que se repartirían nun 50% entre Concello e Deputación.
Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES)
A Xunta tamén financia, con 1,2 millóns de euros, a operatividade dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES), compostos por 12 efectivos. Durante 2018 a provincia de Lugo contou con seis GES operativos con base en Cervo, Pontenova, Quiroga-Folgoso, Becerreá, Monterroso e Guitiriz.
“Acabamos de asinar, xunto coa Fegamp, un novo convenio que garante a continuidade dos GES ata mínimo o 2021. O novo convenio mellora o seu financiamento (que será de 280.000 euros cada un) e aclara a distribución de funcións”-explicou Balseiro. Ademais, como consecuencia deste convenio, a Xunta convértese na administración que maior apoio ofrece neste servizo, xa que achegará o 52,5%, namentres que a Deputación de Lugo achegará o 40% e os concellos o 7,5% do custe total.
Balseiro tamén aclarou que o Goberno galego mantén conversas cos concellos que formaban parte da área de operatividade dos GES de Guitiriz e da Fonsagrada, que renunciaron a este servizo, para determinar o emprazamento da nova sede operativa destes grupos. “Conversas que agardamos pechar nas próximas datas e nas que atopamos boa receptividade. Con todo eses concellos están cubertos polos parques comarcais de bombeiros e os integrantes de protección civil”
Protección Civil
Outras das achegas relevantes da Xunta vai dirixida ao sostemento das agrupacións de Protección Civil que na nosa provincia son 43 e reúnen a máis de 2.170 voluntarios, ademais do persoal permanente.
Para este fin o Goberno galego destina preto de 580.000 euros, entre achegas para o funcionamento das agrupacións, mellora de equipamentos, convenios de formación e de apoio á federación provincial ou achegas extraordinarias como as destinadas a evitar riscos nos concellos polos que transcorre o Camiño Francés (Monterroso, Palas de Rei, Portomarín e Sarria)
Só en 2018, en materia de mellora dos equipamentos, a Xunta equipou a estes servizos con catro novos vehículos pick-up (todoterreo), catro remolques con material de emerxencia, 48 desfibriladores, tres pértegas, un traxe antivelutina, tres furgóns GES e unha moto de auga.
Brigadas municipais
Finalmente a Xunta tamén financia as brigadas municipais contra incendios que están operativas os tres meses de verán. Para este fin o Goberno galego destina 1,9 millóns de euros, que posibilitou a posta en marcha de 74 brigadas, en 65 concellos lucenses e permitiu crear 360 empregos.
Con todo, a cifra dos apoios sería moito maior porque resta por incluír servizos que, aínda que teñen base operativa na nosa provincia, contan cun ámbito de actuación que supera as nosas fronteiras: son as propias brigadas contra o lume emprazadas nos distritos forestais, os medios da Axencia Galega de Emerxencias (112) ou o Servizo de Gardacostas de Galicia (en especial o helicóptero Pesca 2, con base en Celeiro)