Cervantes, 17 de xaneiro de 2019.- A Consellería do Medio Rural desenvolveu nos últimos meses un proxecto para a instalacións de sistemas silvopastorís en cinco montes veciñais de man común dos municipios de Cervantes, Mondoñedo e Folgoso do Courel, nos que investiu 174.000 euros.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, desprazouse hoxe ata o lugar de Vilar de Mouros (Cervantes) e explicou que as actuacións, que xa están rematadas, lograron a extensión e renovación de 41,6 hectáreas de pasteiros. Afirmou que estes pastos permiten a utilización de sistemas extensivos de alimentación do gando compatibles co aproveitamento forestal que poidan ter outras zonas dos montes.
No caso concreto de Cervantes, a Xunta investiu 71.480 euros nesta actuación, que serviu para crear 18,5 hectáreas de novos pasteiros, 7 delas no monte de Vilar de Mouros e 11,5 no de Vilaver.
En Folgoso do Courel a Consellería investiu 91.400 euros, neste caso para renovar 23,13 hectáreas de pastos, das cales 13,75 están no monte das Rozadas e 9,3 no de Seceda. Polo que respecta a Mondoñedo, a intervención consistiu na construción dunha manga para a condución do gando no monte de Tronceda, cun orzamento de 11.000 euros.
Os traballos executados incluíron en moitos casos a escavación en desmonte e o arranque ou acordoado de cachopas, para despois gradar, rotular ou rozar o terreo, segundo os casos.
Tamén se construíron infraestruturas de mobilidade, como pasos canadenses, que evitan que escape o gando que se cría en réxime extensivo, e mesmo se arranxou un camiño no monte de Seceda. Por último, realizáronse peches perimetrais e instaláronse bebedoiros e comedeiros para o gando en distintos puntos do terreo acotado.
José Manuel Balseiro destacou que a Xunta potencia o sector agrario destes municipios “creando pastos en superficies que estaban mal aproveitadas e fomentando sistemas de xestión agraria sustentables e rendibles”. Neste sentido, engadiu que esta medida contribuirá á prevención de incendios á vez que impulsa métodos de produción “respectuosos co medio ambiente e coa conservación da paisaxe, como é o pastoreo e a gandería extensiva”.
O delegado sinalou que hai un mercado crecente para os produtos alimentarios de calidade baseados en métodos de produción tradicionais, que son “compatibles coa obtención de rendibilidade para os produtores e poden contribuír a fixar poboación nova no rural”.