Lugo, 15 de xaneiro de 2019.- A Consellería de Política Social destina 233.200 euros aos concellos de Viveiro e Burela para o desenvolvemento de programas de inclusión social. O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, sinalou que con este investimento, a Xunta financia medidas que teñen por obxecto impulsar a igualdade de oportunidades e a inclusión social dos colectivos máis desfavorecidos.
Balseiro explicou que os servizos sociais municipais son a miúdo os que brindan o primeiro primeiro nivel de atención ás persoas usuarias e as dirixen cara ao resto dos recursos dispoñibles; de aí, apuntou, que as Administracións deban colaborar para “propoñer oportunidades de integración social e laboral, especialmente ás persoas que presentan risco de exclusión”.
O delegado destacou o compromiso da Xunta neste obxectivo, que se traduce en accións como esta convocatoria de axudas ás corporacións locais para o investimento en centros de inclusión e emerxencia social e a inclusión social da poboación xitana, inmigrante e outras persoas en risco de exclusión.
No conxunto da provincia, a Consellería destina 571.400 euros a dez concellos, os citados da Mariña xunto con Quiroga, A Pobra de Brollón, Chantada, Monforte de Lemos, Pantón, Guitiriz, Vilalba e Lugo.
No caso concreto de Viveiro, a Xunta financia con 131.700 euros accións de reforzo educativo, itinerarios de inserción, formación dixital ou en competencias clave, preparación da ESO -tamén para adultos-, programas de inclusión básica e sociolaboral con inmigrantes, mediación intercultural, alfabetización nas linguas oficiais de Galicia, formación para o coñecemento dos valores da sociedade de acollida, educación familiar, e asesoramento e atención xurídica, legal, social e administrativa.
Pola súa banda, Burela recibe unha achega de 101.500 euros para o servizo de apoio á inclusión básica, programas de inclusión e transición ao emprego, reforzo educativo, formación dixital, mediación social e intercultural, cursos para obtención da nacionalidade española, alfabetización nas linguas oficiais de Galicia, asesoramento técnico especializado en materia de estranxeiría, e accións de educación e apoio familiar.
Entre as accións subvencionadas por esta liña de apoios da Consellería, figuran os servizos de apoio á inclusión, servizos de mediación, para a poboación xitana e inmigrante, programa de erradicación do chabolismo, asesoramento en materia de estranxeiría e formación para o coñecemento dos valores da sociedade de acollida e linguas para a poboación inmigrante.