Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta achegou 9,7m€ durante 2018 en actuacións, obras e servizos en materia de Cultura e Turismo na provincia

Lugo, 16 de xaneiro de 2019.- A Consellería de Cultura e Turismo investiu 9,7 millóns de euros ao longo do ano 2018 para impulsar distintas actuacións, obras e servizos na provincia de Lugo.

Así o explicou a modo de balance, en rolda de prensa, o delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, acompañado da xefa territorial da Consellería de Cultura, María José Gómez e da responsable do servizo provincial de Turismo, Paloma Vázquez.

As principais achegas poden agruparse en catro grandes grupos en función do destino dos fondos: a actividades turísticas, de conservación do patrimonio, patrocinios e apoios culturais e achegas en materia de normalización lingüística.

“Como entenderán nunha provincia como a nosa na que abundan bens de interese cultural e patrimonial resulta básico este tipo de investimentos que, dun xeito máis ou menos directo, contribúen á atracción dun turismo de calidade e á creación de riqueza e emprego”-dixo Balseiro.

Camiños de Santiago
A contía mais elevada correspóndese coa Axencia de Turismo de Galicia, con obras vencelladas ao Xacobeo e ao Camiño de Santiago. Investíronse neste ámbito en total 5,3 millóns de euros.

Entre as achegas máis relevantes as destinadas á mellora dos catro itinerarios oficiais xacobeos que percorren a provincia (1,8 millóns de euros), axudas a 38 concellos para a mellora da accesibilidade e sinalización turística (895.000 euros) ou a apertura dos novos albergues de Friol (285.000 euros) e A Fonsagrada (600.000 euros)

Cómpre salientar tamén, neste ámbito a recente licitación das obras de rehabilitación integral de dous albergues en Sarria (Calvor e Barbadelo) para as que se reservan 301.000 euros ou o premio Parabéns que recibiu Portomarín por importe de 300.000 euros e que permitiu a remodelación do parque Agustín del Rio.

Neste ámbito tamén está incluídos os apoio ás actividades de promoción dos xeodestinos lucenses: o Consorcio da Ribeira Sacra (200.000 euros) e da Mariña lucense (160.000 euros), aos que cómpre engadir, a apertura do novo museo virtual sobre recursos turísticos en Foz (240.000 euros)

Patrimonio Cultural
O segundo gran grupo sería o das achegas en materia de conservación e restauración do patrimonio cultural que suman 3,6 millóns de euros.

Neste ámbito teñen un especial protagonismo as achegas destinadas ao bens catalogados como Patrimonio Mundial como son a muralla de Lugo (obras nos cubos 19 e 80: 375.000 euros, contrato de conservación 278.000 euros), a catedral de Mondoñedo (remodelación cuberta preto dun millón de euros) e diversas reformas na catedral de Lugo (375.000 euros)

Tamén destacan as achegas para a conservación e novas escavacións no Museo-Castro de Viladonga (286.000 euros) ademais de diversas actuacións arqueolóxicas en varios puntos da provincia con achegas que superaron os 300.000 euros

Finalmente neste ámbito tamén se inclúen as obras de rehabilitación e mellora en San Vicente de Pinol en Sober (154.000 euros), a restauración das pinturas murais de Vilar de Donas en Palas de Rei (150.000 euros), ou na fachada da igrexa do Mosteiro de San Vicente do Pino, Monforte (187.550 euros)

Políticas Culturais e AGADIC
Outro gran grupo de investimentos está vencellado ás políticas culturais e os patrocinios da AGADIC que sumados supoñen achegas por valor 711.000 euros

Aquí estarían incluídos as axudas para mellora en bibliotecas, equipamentos e instalacións culturais (auditorios, casas da cultura, salóns de actos) e para o sostemento do padroado de Sargadelos.

Tamén neste gran grupo estaría incluído os patrocinios e convenios da AGADIC (a achega máis relevante teñen que ver co Patrocinio do Festival Resurrection en Viveiro 50.000 euros) ou o financiamento de diversas actuacións musicais en 22 concellos lucenses dentro do programa Cultura no Camiño (135.000€)

Normalización lingüística
Finalmente, para rematar, o servizo de normalización lingüística destinou 104.000 euros á nosa provincia. Aquí estarían incluídos os programas de dinamización do galego que a Xunta financia en 10 concellos e en 132 centros educativos.

Avance de proxectos futuro
Xa de cara ao ano que comeza, o delegado territorial explicou que a Xunta seguirá a facer un importante esforzo no mantemento e mellora dos itinerarios do Camiño de Santiago e, tamén, lembrou que neste momento está en prazo de solicitude a convocatoria de axudas, por importe de 2 millóns de euros para proxectos socioculturais previos ao Xacobeo 2021aos que se poden sumar concellos e asociacións de todo tipo.

Tamén en 2019 ten previsto executarse as obras de consolidación estrutural do cubo VII e lenzo interior da muralla de Lugo, por importe 323.000 euros, ou o remate das obras de restauración do Mosteiro de Santa María de Pantón 356.000 euros, ademais de manter o patrocinio a todas as citas de interese turístico galego (unha vintena na nosa provincia) que reciben 4.000 euros cada unha delas.

Exit mobile version