Burela 16-1-19. Ás 13:00 horas participará nunha tertulia con alumnado de ESO nun acto a celebrar na biblioteca do centro educativo. Xa ás 5 da tarde, será convidada de excepción do programa radiofónico Proxecto Neo, que lle dedicará unha sesión monográfica. A profesora convidada participará nunha tertulia cos oito alumnos e alumnas que participan neste programa que é realizado e retransmitido en directo a través das ondas todos os mércores entre as 5 e as seis da tarde desde hai 248 semanas.
Alicia Lago naceu en Buenos Aires hai 61 anos, filla de pais galegos que se coñeceron alí: “Emigraron no 50 coma outras historias da emigración desde o século XIX. Eles foron os únicos das dúas familias en ir a Arxentina. O resto dos irmáns quedaron aquí. Volveron por separado só unha vez de vacacións e a coñecer a familia e morreron aínda novos alá. As cinzas están aquí na aldea de miña nai”, di a súa filla.
A profesora Alicia Lago foi docente de Xeografía durante 26 anos e agora está xubilada, porque o sistema arxentino ofrece a vantaxe de se poderen retirar aos 50 anos, sempre que cumpran determinados requisitos). En 1978, rematado o Profesorado, visitou por primeira vez a terra familiar e volveu despois sempre que puido até que en 2018 se asentou “para o tempo que me quede!”.
En 2008 foi a un curso de galego porque “aínda que entendía todo, non era quen de falar nin palabra”. Despois superou as probas dos Celga 2 e do Celga 3. Actualmente prepara o Celga 4 na Escola de Idiomas.
Reencontro
Alicia Lago reencontrarase durante a xornada de mañá en Burela con Lorena Suárez Pazos (de Vimianzo), a súa profesora de lingua galega en Buenos Aires. A profesora Lorena Suárez ten agora destino no IES Perdouro, a onde chegou despois de de ter exercido a docencia en diversos Centros de Estudos Galegos de universidades brasileiras e arxentinas. é, ademais, graduada en Enfermaría pola Universidade da Coruña e autora do TFG titulado “O uso da lingua materna como proceso terapéutico” ( https://ruc.udc.es/dspace/handle/2183/15634)