Ribadeo, 23 de xaneiro de 2018. Mañá, 24 de xaneiro, ás 20:00 horas na Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia o Concello de Ribadeo en colaboración con Acisa presentará a nivel internacional o seu evento histórico cultural Ribadeo Indiano.
Ese acto, que se retransmitirá en directo vía streaming a través da páxina de Facebook do Ribadeo Indiano, contará coa participación do delegado da Xunta en Madrid, José Ramón Ónega; o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez; a concelleira de Desenvolvemento Local, Turismo e Comercio, Ana Martínez; e o presidente da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos, Francisco Iriarte Quintana; entre outras personalidades.
A xornada pecharase cunha mostra gastronómica a cargo de restaurantes da localidade que foron premiados no Ribadeo de Tapeo 2018: O Piano, que obtivo o premio do público e El Oviedo, un dos gañadores do premio do xurado profesional. A cita estará amenizada cunha actuación musical a cargo da ribadense Carme Rodríguez.
O Concello convida a asistir a esta posta de longo, a todos os ribadenses que viven en Madrid, empresarios vinculados coa localidade, xornalistas e amantes de Ribadeo.