Alfredo Llano explicou que “estivemos vendo que vai marchando bastante ben esta nova edición para o ano 2019 que vai ser do 9 ao 12 de maio. Onte falamos dos temas nos que queríamos traballar, sobre todo nas Xornadas Técnicas e no Encontro Empresarial e tamén estivemos facendo unha análise de cómo vai a cobertura de todo o recinto feiral. Agora mesmo xa está case cuberto. Incluso estamos pensando en aumentar un pouco os 3.500 metros que están en disposición, a ver se podemos chegar ata os 4.000, empregando un área que hai fora, pero que se pode pechar para dar maior facilidade á xente que queira vir aquí”.
O rexedor burelés dixo: “estamos moi satisfeitos de que o Consello Galego de Pesca veña facer aquí unha reunión, estará o venres. Ese día imos concentrar dúas cousas, que cremos que son moi interesantes, unha delas é o Encontro Empresarial, que será un pouco máis cedo que outros anos, imos empezar ás nove ata as once e media ou doce. Despois reunirase o Consello Galego de Pesca. Son dous eventos que se concentran o venres porque imos dar este ano un cambio ás Xornadas Técnicas que se ven pasar ao xoves, tres horas pola mañá e pola tarde a partir das cinco ata que rematen. Antes eran dous días, o xoves e o venres, e agora ao estar aquí o Consello Galego de Pesca imos facilitar que vaian visitar a feira. Imos facer a inauguración da feira o xoves, día 9, ás 13:30 horas”.
O tamén presidente da Fundación Expomar sinalou que “procuramos marcar os temas que imos tratar este ano na feira exposición, en cuestión de Xornadas Técnicas. Un deles vai ser sobre asuntos sociais, aquilo que realmente pode preocupar agora mesmo ao sector, e outro será sobre a xestión pesqueira. Falaremos da cabala, dos plans de xestión, dos descartes ou do Brexit, por exemplo. Imos facer unha reunión inmediatamente para ir contactando coa xente, o día 30. Imos procurar que estean todos os sectores representados, que sexan protagonistas e participen tanto nas Xornadas Técnicas como no Encontro Empresarial, para que saquemos un bo resultado para a comarca da Mariña, sobre todo para Burela. Creo que vai ser unha oportunidade moi grande para estar co sector e tratar todo aquilo que poida ser positivo, é do que se trata. Estamos traballando para que sexa unha boa edición da feira”.
Homenaxe a Benjamín González Quelle
Burela homenaxeará ao que fora cronista oficial do concello mañá, 18 de xaneiro. Alfredo Llano declarou: “quería lembrarlle á xente de Burela, e á da Mariña, que por algunha razón coñecían a Benjamín, que foi cronista oficial de Burela e cura párroco durante moito tempo aquí no noso concello, que mañá ímoslle facer unha homenaxe a partir das sete da tarde”.
O alcalde contou que “ás sete da tarde haberá unha misa na igrexa parroquial, e a continuación, ás oito, imos facer unha homenaxe con intervencións de persoas, con música, con vídeos e fotografías, no auditorio da Casa da Cultura”.
Alfredo Llano invita “a todo o mundo porque penso que é unha persoa que merece esta homenaxe, foi cronista, párroco durante moito tempo aquí en Burela e protagonista da historia de deste concello durante moito tempo. Polo tanto consideramos que esta homenaxe é merecida e canta máis xente poidamos estar aí moito mellor. Desta maneira eu quería invitar a todo o mundo que queira achegarse. É de agradecer que haxa xente que recoñece a labor desta persoa durante todo este tempo”.