Serán con este que remata, 16 anos informando ininterrompidamente. Crónica3 segue fiel ao seu compromiso de ofrecer un medio plural, directo e áxil. Todas as informacións teñen espazo neste dixital. Atendemos por igual a administracións, asociacións ou particulares. Os números avalan esta aposta, pecharemos 2018 cunhas 7.200 entradas de novas, o que se traduce nunhas 420.000 visitas recibidas. Estas cifras si poden acreditar que Crónica3 é o primeiro (por antigüidade e difusión) medio dixital da Mariña. O resto son bos propósitos, lexítimos, por suposto.
Acadar isto non é doado, require de moitas horas de traballo para que o lector de Crónica3 sexa o primeiro en saber do que sucede na comarca. Afortunadamente este esforzo é recompensado por moitos anunciantes que confían na chegada deste dixital para publicitar as súas empresas. Tamén as administracións locais agradecen este traballo constante enxertando mensaxes publicitarias nesta, humilde (nos medios) mais aguerrida nos resultados, web. O noso agradecemento é enorme, pois anima a seguir traballando. A gran maioría dos Concellos da Comarca, de todas as cores políticas, téñenos en conta. Mil grazas a todos eles!
Non podemos dicir o mesmo da administración que agrupa a todos os Concellos da provincia. Mentres outros medios que nin teñen a súa sede na provincia, ou que non arroxan nin de lonxe uns números semellantes aos de crónica3, si reciben o seu visto bo, para esta administración de todos os lucenses, crónica3 non existe. Dito doutro xeito, un medio que só informa do que sucede dentro da provincia, con domicilio na provincia, e que é xanela para milleiros de actos pequenos, avisos, ou informacións locais que non terían difusión doutro xeito, non merece a consideración daqueles que se supón traballan para a vertebración e dinamización da provincia.
Chega un novo ano. Con seguridade, crónica3 seguira aquí informándoo puntualmente, sexa ou non coa axuda dos que as reparten de xeito parcial.
Boas festas e feliz ano novo.
Félix Jorquera.