Burela, a 26 de decembro de 2018.- Manuel Rouco, presidente do PP burelés, asegurou hoxe que “Alfredo Llano, mentres pola tarde agarraba a pancarta e lanzaba consignas poñendo en dúbida a ampliación do hospital, polas mañás afanábase en cobrarlle o Imposto de Construccións, Instalacións e Obras (ICIO) á empresa contratista da primeira fase da ampliación do Hospital da Costa. E, isto, en contra do indicado na ordenanza fiscal do Concello de Burela e en contra de dúas sentencias xudiciais, unha do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia de 26 de xullo de 2007 e outra do Tribunal Supremo de cinco de maio de 2009”.
Rouco considera que “estamos ante unha persoa que ten dobre faciana. Llano estivo enganando á cidadanía sobre o asunto do Hospital durante moito tempo cando el sabía perfectamente que a ampliación se ía facer, xa que concedeu a licencia de obra para a primeira fase o 23 de xuño de 2016”.
O presidente da xestoral local do PP burelés considera que “Llano nunca tivo interese real no Hospital: non lle importa a ampliación, xa que o único que busca é confrontar coa Xunta de Galicia. E tampouco lle importa, en contra do que di, a área sanitaria da Mariña; xa que, de importarlle, presentaría algunha iniciativa no Concello e resulta que en tres anos e medio nada presentou ao respecto. En realidade, e por desgracia para Burela, a Llano o único que lle preocupa é ocupar o asento da alcaldía”.
Finalmente, Rouco considera que “o anuncio de Llano de modificar a ordenanza que regula a bonificación do ICIO en actuacións de interese social, cultural, de xeración de emprego, etc., é un anuncio baleiro e que, en caso de concretarse, terá un longo percorrido, como pasa con todo no Concello desde que este señor goberna. Se miramos a acta da sesión plenaria de 5 de xullo de 2016, dispoñible no Portal de Transparencia do Concello de Burela, xa podemos ler que anuncia unha revisión da mesma que dous anos e medio máis tarde non se fixo. O PP oporase, xa que entendemos que mesmo debería ampliarse para favorecer a instalación de empresas en Burela”.