Ribadeo, 31 de decembro de 2018. A concelleira de Turismo, Ana Martínez, fai un balance moi positivo do ano que remata. Polas oficinas de turismo de Ribadeo e da praia das Catedrais pasaron en 2018 máis de 120.000 persoas, unha cifra superior á acadada en 2017. A edil nacionalista indica que 77.000 persoas chegaron aquí no verán e 42.000 en tempada media-baixa, algo que é moi importante para desestacionalizar o turismo. Ana Martínez subliña que só o 20% das persoas que chegan a Ribadeo solicitan información nas oficinas de turismo.
A concelleira declarou que “a piques xa de rematar este ano 2018, dende a Concellaría de Turismo queremos transmitir o balance que acabamos de facer, que é moi positivo. Realmente o Concello de Ribadeo segue a medrar como destino dentro de Galicia, posicionándose así como un dos destinos turísticos máis importantes do litoral galego e mesmo de todo o Estado español”.
Ana Martínez dixo que “milleiros de persoas foron as que este ano viñeron gozar dunha paisaxe excepcional, conformada por un conxunto de elementos patrimoniais únicos de carácter tanto natural como cultural. Polo tanto esta porta de entrada a Galicia foi a presentación para un número moi importante de visitantes dos que tiveron presenza todas as autonomías do estado español e tamén foron persoas chegadas desde 45 países diferentes as que visitaron Ribadeo. Estamos máis que contentos e agradecidos tamén do traballo que se fai dun xeito conxunto dende o Concello, por parte de todas e todos os traballadores, dende as informadoras e informadores turísticos que durante todo o ano estiveron participando, como dos operarios e das operarias e do persoal técnico e da administración, xa que sen eles sería imposible moitas veces acadar estes resultados. Ademais de a ese persoal municipal, queremos agradecer aos establecementos hostaleiros e á Asociación de Comerciantes o traballo conxunto, que entre todas e todos imos facendo para que este Ribadeo cada día sexa un destino para máis visitantes”.
A edil nacionalista contou que “falando de números, no ano 2018 foron un total de 120.547 persoas as que soamente solicitaron información nas nosas instalacións. Isto ven ser un 20% do turismo que chega a Ribadeo, e aínda así estas cifras superan significativamente as de 2017. Ese ano atendéronse nas oficinas municipais 114.701 persoas. Ter en conta que no cómputo anual se rexistraron uns 5.850 viaxeiros máis que o ano pasado, e ademais podemos dicir que do total, 77.608 foron os que pediron información durante o verán, e 42.939 o fixeron durante a tempada media/baixa. Creo que este é un dato moi positivo e sobre o que temos que facer reflexión polo reto da desestacionalización, aínda que non é fundamentalmente durante estes meses cando máis xente acude, é importante ver que un bo número de persoas solicitaron información fora da tempada estival. En todo caso sempre veñen cunha dirección importante, que é a visita á praia das Catedrais, e en tempadas máis marcadas como Semana Santa e verán é cando é a maior afluencia”.
Ana Martínez manifestou que “a oficina de turismo do núcleo urbano de Ribadeo abre todo o ano e contabilizaron un total de 41.387 viaxeiros, nesta oficina os días de maior afluencia seguen sendo o 16 de agosto e o 7 de agosto. Tamén temos o punto de información turística da praia das Catedrais, que estivo aberto dende a Semana Santa ata finais do mes de outubro. Aí temos que contabilizar un total de 79.160 consultas as que se realizaron durante este ano, sendo tamén a mediados de agosto o momento de maior afluencia de solicitantes de información. Nas procedencias, no turismo nacional, Madrid segue a ser o principal emisor xunto a Castela-León e Galicia e en segundo e terceiro lugar están Asturias, Euskadi e Cataluña. En canto ao turismo internacional destacan fundamentalmente as procedencias de Francia, Alemaña, EE.UU. e Italia, aínda que tamén son salientables as visitas dende Reino Unido e Arxentina. O turismo nacional supón un 85% do total e o internacional un 15%. O mes que máis viaxeiros nos visitaron a nivel internacional foi tamén no mes de agosto”.
A concelleira de Turismo seguiu a relatar que “durante os últimos anos, a importancia do turismo organizado, eses grupos que podemos ver como case todo o ano visitan o casco urbano de Ribadeo, o porto, a torre dos Moreno ou a zona indiana. Foi un turismo que medrou nos últimos anos e durante 2018 foron 453 grupos os que acudiron a solicitar información ás oficinas de turismo. Isto supón un importante aumento respecto a 2017. Temos tamén turismo do Camiño de Santiago. Un turismo importante onde contamos cun albergue de peregrinos, con 12 prazas, onde se aloxaron 2.362 usuarios. No total falamos de que 3.319 camiñantes pediron información nas oficinas municipais”.
Respecto ás actividades desenvolvidas en 2018, Ana Martínez lembrou que “en Fitur presentamos diferentes accións con diferentes axencias de viaxes, que logo constatamos que organizaron viaxes con distintos grupos a Ribadeo. Organizamos ademais actividades vinculadas ao turismo e ao medio ambiente como a celebración do Día dos Humidais, outras formativas cos traballadores e traballadoras de hostalería e servizos, e os roteiros guiados pola praia das Catedrais fora da tempada estival. Tamén tivemos o Ribadeo de Tapeo co éxito xa garantido por parte da participación dos hostaleiros e hostaleiras e o público que se achega a degustar as diferentes propostas gastronómicas. Tivemos ademais ese Ribadeo indiano, que cada ano medra máis e traspasa fronteiras. Tamén organizamos no verán os percorridos guiados pola ruta dos comerciantes e dos indianos, e as visitas á igrexa das Virtudes no Camiño de Santiago, feito polo persoal municipal”.
A edil de Desenvolvemento Local, Comercio e Turismo en Ribadeo engadiu que “desde o Concello queremos agradecer a toda esa xente que participou durante este ano 2018 para facer un Ribadeo turístico grande e de calidade. Desde a Oficina de Turismo e a Concellaría de Turismo feliz ano a todas e todos cantos participades e nos visitades”.