Site icon Crónica3.com A Mariña

Inauguración de Córgomo Arte “Sete”

A Mariña 30-11-18. En tempo de Nadal Córgomo agasalla arte a todo aquel que se queira achegar á Galería Conde Torino. O sábado 8 de decembro, ás 17 horas, terá lugar a inauguración de Córgomo Arte “Sete”. Nesta edición, como na anterior, o certame contará con participación mariñana. Ademáis da propia comisaria da mostra, Silvia Fiallega Lorenzo, David Catá e Martín Lestao levarán as súas obras a este certame, que este ano chega á súa sétima edición.

Doce son os artistas seleccionados este ano. Ademais dos artistas mariñanos, a mostra estará integrada polas obras de Manuel Conde e Victorino Núñez “Torino”, organizadores da mesma, Noé Blanco (Valdeorras), Arturo Ceide e Beatriz Pérez, “Equipo Esparrela” (Monforte de Lemos), Cristina Vázquez “Crystilandia” (Escairón), Gerardo Rodríguez, “Chere” (O Bolo), Luís Enrique Rodríguez, “Coquixo” (O Barco de Valdeorras) e Laura Varela (Escairón).

A exposición permanecerá aberta ata o 6 de xaneiro de 2019 e, coma sempre, poderá visitarse as fins de semana e os festivos das 10 ás 22 h.

Esta sétima edición quere celebrar que, a pesar de tódolos atrancos, Córgomo Arte non so segue vivo, senón que medra e madura cada ano que pasa, sen perder o seu espírito orixinal, de amosar a arte núa de artificios nin ataduras, desde o rural para o mundo. Na nosa pretensión está en dalo a coñecer e irradiar o efecto contaxio cada vez a máis lugares. Este mesmo ano, Córgomo Arte exportou o seu proxecto cara a Mariña de Lugo e nesta edición prevemos itinerala a algún sitio máis. O noso é un proxecto excepcional e auténtico, que traballa sempre desde as premisas da honestidade e a xenerosidade e que merece ser coñecido pola súa calidade artística, mais tamén polos principios que defende e os valores que transmite.

“SETE” é o título desta edición, porque é un bo número para cumprir anos, o 7 é un número máxico e cargado de simbolismo. Abandonamos o conceptualismo das últimas edicións e abordamos a obra de arte desde unha perspectiva máis técnica, a xeometría, a proporción, a perspectiva, etc. que se agochan nos fundamentos da creación artística. A sección áurea ou a teoría da relatividade acompañaron a historia da arte na súa procura da síntese da beleza perfecta.

Agardamos pola vosa visita, sodes os que nos impulsades a seguir adiante.

Exit mobile version