Foz, 3 de decembro de 2018. Grupos de estudantes de diversos centros educativos visitaron recentemente a basílica de San Martiño e A Mariña Virtual. Por Foz pasaron alumnos de Turismo, de A Coruña; de Historia da Arte, de Barcelona; e do CEIP Plurilingüe de Xermade. O alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira, convida aos centros escolares da zona e doutros puntos da provincia e de Galicia a coñecer estes atractivos turísticos.
O rexedor municipal manifestou: “desde o Concello de Foz, especialmente dende a área de Turismo, queremos mostrar a nosa satisfacción posto que nestas últimas datas estamos recibindo moitísimas excursións, sobre todo de estudantes tanto da ESO como de Turismo da Coruña e incluso de Barcelona. Eu creo que é un recurso importante que debemos explotar e coas ferramentas que temos agora, tanto coa Mariña Virtual como co centro de interpretación de San Martiño, é moi importante que se poidan mostrar aos estudantes todos os recursos que ten A Mariña, e concretamente o noso concello. Estas ferramentas que se puxeron ao servizo de todos os veciños, o ano pasado, están funcionando, e a verdade que notamos un gran cambio. Na semana pasada, recibimos ademais de aos estudantes de Turismo da Coruña, unha delegación de alumnos e profesores do CEIP de Xermade”.
Javier Castiñeira engade que “isto entendemos que é un recurso moi positivo para nós; e sobre todo nas épocas de clase para que, ademais de coñecer a nosa zona, os estudantes sexan o motor que nos axude a promocionar a nosa comarca e gocen da nosa cultura, a base do boca a boca. Estamos contentos e satisfeitos”.
O alcalde de Foz invita “a todos aqueles colexios, tamén poden ser da zona, de toda a provincia e de toda Galicia, e universitarios, como viñeron tanto de Coruña, de Turismo, como unha delegación, hai pouco tamén, de estudantes de Historia da Arte, de Barcelona, comandados por don Manuel Castiñeiras, experto do románico. Invitámolos a todos a seguir coñecendo A Mariña a través dos nosos centros, tanto A Mariña Virtual como o centro de interpretación de San Martiño”.
