Site icon Crónica3.com A Mariña

Economía destina 96.700 euros a favorecer a contratación de axentes de emprego en dez concellos da Mariña

Lugo, 18 de decembro de 2018.- A Xunta destina 96.700 euros a reforzar a rede de técnicos de emprego que prestan servizo nos concellos da Mariña lucense. En concreto, financia a contratación de dez axentes, distribuídos nos concellos de Foz, Ribadeo, Barreiros, Cervo, Mondoñedo, Xove, Lourenzá, Ourol, A Pontenova e O Vicedo.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que no conxunto da provincia esta medida permite en total a contratación de 45 Axentes de Desenvolvemento Local, 44 deles noutros tantos concellos e un máis na Deputación Provincial. O investimento global ascende a 424.000 euros.

A Xunta renova anualmente este programa para favorecer a súa continuidade, dado que estes técnicos, que se incorporan ao cadro de persoal dos entes locais, contan coa formación e experiencia adecuada para servir de apoio ás iniciativas de creación de emprego e constitución de pequenas e medianas empresas que poidan xurdir no seu radio de actuación.

Balseiro lembrou que a Xunta pretende a dinamización económica local mediante diversas ferramentas, entre elas o asesoramento aos emprendedores ou aos traballadores desempregados, neste caso facilitando a contratación de orientadores nos concellos ou ben a través das propias oficinas de emprego da Consellería.

“É fundamental que a información sobre os distintos programas e recursos que facilitan tanto a Xunta como outras administracións ou entidades chegue a todo o territorio, especialmente ás zonas rurais, onde é necesario impulsar proxectos económicos viables e atractivos para a xente moza”, afirmou o delegado.

Neste sentido, os Axentes de Desenvolvemento Local son os encargados do acompañamento técnico no inicio dos proxectos empresariais, asesorando e informando sobre a viabilidade técnica, económica e financeira e o apoio aos promotores das empresas, ademais de ofrecer asesoramento técnico durante as primeiras etapas de funcionamento e asistencia na creación de oportunidades de formación para contribuír á boa marcha das compañías creadas.

O desempeño destas tarefas contribúe á constitución dun contorno local propicio á creación de emprego e a potenciar a xeración de iniciativas empresariais e novas actividades xeradoras de emprego, que repercuten na creación de novos postos de traballo e de alternativas de ocupación laboral.

Exit mobile version